Monday 31 de March de 2025

SEA e Concello de Ribeira buscan solucións ao parque empresarial


Beatriz Sestayo, xerente da entidade Solo Empresarial do Atlántico, recibiu esta mañá nas oficinas de SEA a Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, e a María Herminia Pouso Maneiro, concelleira de Economía e Facenda. Na reunión participaron tamén integrantes do equipo técnico de SEA, José Rey, responsábel da área comercial, e o avogado Antonio Quintela. O encontro encadrouse no obxectivo común de facer viábel o novo polígono de Ribeira. No seu transcurso avanzouse na procura de solucións, que poderían dar resposta á alta demanda de solo empresarial na zona. Así o expuxo o alcalde, que entregou o proxecto de urbanización co fin de que o equipo de SEA, que xestiona na actualidade 13 parques empresariais en toda Galicia, poida estudalo polo miúdo.

Beatriz Sestayo comprometeuse a elaborar unha proposta que permita solucionar os problemas que arrastra o polígono: “Temos que esforzarnos en buscar respostas a este parque non só para atender a demanda empresarial senón tamén porque é unha forma de fixar poboación e outorgar un futuro mellor para Ribeira”.

Ambas as entidades coinciden na “urxencia” de dar saída a este proxecto polo que se comprometeron a reunirse de novo no transcurso do mes de abril.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou a importancia de avanzar na viabilidade do novo polígono empresarial para responder á demanda de solo na zona. “Este proxecto é fundamental para o desenvolvemento económico de Ribeira e da Barbanza. A creación de solo industrial atraerá novas empresas e tamén contribuirá á xeración de emprego e axudará a fixar poboación en Ribeira”, afirmou.
Así mesmo, Pérez Barral agradeceu a disposición da entidade Solo Empresarial do Atlántico para estudar o proxecto e buscar solucións conxuntas.

Deja un comentario