Friday 22 de November de 2024

Ordes enviou 4.500 t residuos a SOGAMA no ano 2015


En comparación co ano 2014 recicláronse 27 t máis, das cales 9 t corresponden a envases e plásticos e 18 a desperdicios de tipo xenérico

O Concello de Ordes enviou o pasado 2015 un total de 4.502 toneladas de residuos á planta de tratamento de SOGAMA. A cantidade de residuos xenéricos depositados polos ordenses no seu caldeiro do lixo (bolsa negra) foi de 4.369,30 t. Dita tipoloxía corresponde cos refugallos que non poden ser reciclados por outras vías e que son susceptibles de seren valorizados como opción preferible á súa eliminación ou vertido. No referente aos plásticos, envases, tetra bricks etc introducidos no contedor amarelo (bolsa amarela) a cifra ascendeu 133,50 t.
Se atendemos á época do ano vemos que no caso dos residuos comúns o mes de agosto é de maior cuantía con case 393,66 t, seguido de outubro e setembro con 384,34 e 379,52 t respectivamente. Polo contrario febreiro con 312,54 t foi o de menor cuantía, seguido de xaneiro con 346 tn. No caso dos plásticos e envases os meses de xaneiro e decembro, ambos con algo máis de 12 t, foron os de maior índice, mentres que novembro e agosto os que menos con 9,62 t e pouco máis de 10 t.
Pola súa banda no ano 2014 a cantidade total ascendeu a 4.475,92 t, das cales 4.351,04 t corresponden aos residuos de bolsas negras e case 124,88 t aos de bolsas amarelas. No primeiro caso agosto foi o mes más notable con 400,10 t recollidas mentres que novembro, con 12,24 t, foi o que máis envases e plásticos se depositaron nos contedores.
Deste xeito pódese dicir que en 2015 os ordenses incrementaron en arredor de 27 t os residuos reciclados, algo máis de 9 t corresponden a envases e preto de 18 t de residuos xenéricos. A estes últimos Sogama aplícalles o sistema de incineración con recuperación de enerxía, utilizando a parte que non é posible reciclar como combustible para a obtención de enerxía eléctrica.