
A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal promove un obradoiro de conciliación para a época da Semana Santa, co afán de seguir favorecendo a compatibilización da vida persoal e laboral das familias. Nesta liña, a edil da Igualdade, Estefanía Ramos Olveira, resalta a importancia de deseñar políticas públicas encamiñadas a favorece-los dereitos da conciliación como unha das formas que favorezan a consecución da igualdade entre mulleres e homes.
Este servizo estará activo dende 14 deica 21 de abril, coincidindo cos días laborais non lectivos, e desenvolverase nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras, dende as 09.00 ata as 14.00 horas. Disporase, a maiores, das opcións dos servizos de Madruga e Comedor, dos cales cómpre consulta-las condicións.
O importe total estabelécese nos 20 euros por nena/neno, pero aplicaráselle un desconto do 50 % á segunda irmá ou irmán e será de balde para a/o terceira/o.
As inscricións efectuaranse a través do Departamento da Igualdade, situado fronte á casa do concello, no teléfono de contacto 981832764, coa extensión 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal. A data límite para formaliza–lo trámite estabelécese no 9 de abril.
Esta proposta atópase ó abeiro do Plan Corresponsables cofinanciado polo Ministerio da Igualdade.
Máis información nas referidas canles de contacto
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.