Tuesday 01 de April de 2025

Gonzalo Castro entrega os Premios Picadillo 2025 durante a clausura do Galicia Fórum Gastronómico


A cidade acolleu un evento cunha asistencia aproximada de 25.000 visitantes durante as tres xornadas

“Este evento é unha proba máis do excelso potencial turístico da nosa cidade onde a gastronomía é un dos nosos maiores atractivos e proba evidente da nosa cultura de vivir”, sinalou Castro

Hoxe tivo lugar a clausura do Galicia Fórum Gastronómico no recinto de ExpoCoruña, que contou con máis de 200 expositores e superou os 25.000 asistentes durante as tres xornadas do evento. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na entrega dos Premios Picadillo 2025. Castro lembrou que a cita súmase a outros encontros gastronómicos organizados polo Goberno de Inés Rey que tentan potenciar A Coruña como destino culinario de referencia nacional. “Este evento é unha proba máis do excelso potencial turístico da nosa cidade onde a gastronomía é un dos nosos maiores atractivos e proba evidente da nosa cultura de vivir”, apuntou o responsable do Consorcio de Turismo da Coruña.

Nesta ocasión na categoría de “cociña” o galardón recaeu en Celestina Martínez, do restaurante O Parrulo (Ferrol), pola seu labor de preservación da cociña tradicional galega”. Na categoría Sala, que “pon en valor o oficio de camareiro e de mestre de sala dos restaurantes galegos”, o premiado foi Berto Domínguez, á fronte do mítico restaurante D’Berto (O Grove). Na categoría Viño, que distingue “o labor de viticultores, enólogos e sumilleres que co seu traballo e sabedoría situaron aos viños de Galicia entre os mellores de España e de Europa”, o premio foi para Joaquín Álvarez “Quin”, do Rosal. En canto á categoría Produtor, que recoñece a mulleres e homes con oficios relacionados co mar e a terra que conseguiron crear produtos de prestixio para a gastronomía galega, outorgáronse diferentes galardóns. Así, no caso de Mar, o recoñecemento recaeu en O Peirao – Federación Galega de Redeiras Artesás (Malpica de Bergantiños), entidade que agrupa a sete asociacións de redeiras galegas co obxectivo de dignificar o oficio, mentres que no apartado Rural o premiado será Jesús Simal Gándara, catedrático de Ciencias dos Alimentos da Universidade de Vigo, polo seu labor en prol da recuperación do cultivo da oliveira en Galicia.

Tamén foron distinguidas como produtoras 8 panaderías históricas de Galicia: Panadería Pallares (Sarria, Lugo, 1876); Panadería Germán (Fisterra, A Coruña, 1870); Panadería Rabizas (Betanzos, A Coruña, s XVII); a centenaria Panadería Paleo (Ribadeo, Lugo); Forno do Calviño (San Cristovo de Cea); Sieira Charlín (Ribeira, A Coruña, 1884); Panadería Central (Buño, Malpica) e Panadería Caneda (A Pobra de Trives, Ourense), que recibiron o Premio ás Panaderías Históricas de Galicia, co que o xurado recoñece o papel que desempeñan preservando un oficio patrimonial e poñendo en valor o pan de Galicia.

Finalmente, tamén houbo galardóns para as categorías de Formación, que este ano foi para IES de Foz pola súa formación de baristas, e de Divulgación, pensado como recoñecemento a persoas que coa súa obra contribúen á difusión da cociña e a gastronomía galegas, e que nesta ocasión foi para La Alacena Roja, unha revista de periocidad bimestral dedicada ao turismo e a gastronomía
Milleiros de visitantes, profesionais e empresas do sector degustaron durante estes tres últimos días a enorme potencia gastronómica da cidade. Unha cita que nesta, a súa décima edición, volveu ser un evento imprescindible para profesionais da gastronomía e enoloxía, reunindo chefs da máis alta categoría tanto a nivel nacional como internacional.

Nesta última xornada ExpoCoruña acolleu o desafío XChef by Cervezas 1906 da man do chef catalá Xavier Pellicer (Barcelona) e unha exhibición de François Monti, coñecido a nivel mundial como unha dos máximos expertos en cócteles e destilados.
O mestre nipón Kanji Kobayashi amosou as súas artes culinarias cos vexetais como antesala da mestría de cociñeiros de renome mundial como Pepe Solla, Áxel Smyth, Claudia Merchán, Javier Olleros e Ana Rodríquez.

Tamén houbo tempo para degustar as empanadas que participaron no II Concurso de Empanadas Galicia Fórum Gastronómico.

Deja un comentario