
A gran maioría pertence ao voluntariado local lousamiá pero tamén hai alumnado de municipios próximos como Noia e Outes
Un total de 21 mozos e mozas participa durante as fins de semanas de marzo e abril nun curso de monitor/a de ocio e tempo libre homologado pola Xunta de Galicia e organizado polo Concello de Lousame. Un curso que ten unha duración de 350 horas lectivas, 200 teóricas (105 horas presenciais e outras 95 horas enliña) e 150 prácticas.
A concelleira de Cultura e Xuventude, Silvia Agrafojo, visitou este sábado á rapazada, a quen felicitou polo esforzo que supón asistir a un curso que se imparte de forma intensiva en horario de fin de semana: sábados (mañá e tarde) e domingo (mañá) e agradeceu o traballo levado a cabo polo técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, na organización desta actividade formativa. Agrafojo Filgueira puxo en valor “o feito de que a gran maioría dos participantes sexan mozos e mozas que participan no voluntariado xuvenil de Lousame, pois demostra que non so lles gustou a experiencia senón que ven o potencial de inserción laboral que existe neste sector”.
De feito, o curso está sendo eminentemente práctico, onde o profesorado emprega diferentes dinámicas participativas para que o alumnado aprenda a organizar, dinamizar e avaliar actividades de tempo libre tanto no medio urbano como na natureza. Así, na sesión desta fin de semana aprenderon técnicas para solucionar conflito e como elaborar pintacaras, dende as técnicas utilizadas ata que tipo de materiais empregar.
Futuro laboral
Este curso formativo está organizado polo Concello de Lousame e está sendo impartido por FESAN, Escola de Tempo Libre. Ao rematar a formación, os mozos e mozas recibirán un título homologado de monitor/a de ocio e tempo libre que os capacita para deseñar, programar, poñer en práctica e avaliar actividades para o tempo libre e sociocultural orientadas tanto á infancia e a mocidade, como ás persoas maiores ou con necesidades especiais.
Un monitor/a de ocio e tempo libre pode traballar en centros socioculturais, asociacións xuvenís, campamentos de verán, en actividades extraescolares de colexios, escolas infantís, garderías e puntos de atención á infancia, en empresas de ocio e tempo libre, etc
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.