
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do club deportivo Narón 101, Óscar Somorrostro, anunciaron a apertura o vindeiro 1 de maio do prazo de inscrición nas 21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón. O evento deportivo, que alcanza este ano a súa cuarta edición e que reúne a un milleiro de deportistas procedentes de diversas comunidades en cada convocatoria, celebrarase o vindeiro 27 de setembro.
Os marchadores disporán dun prazo de 24 horas para percorrer un tramo de 101 quilómetros que discurrirá polos concellos de Narón, Ferrol e Valdoviño, se ben os ciclistas terán un tempo máximo de 12 horas para completar ese percorrido, con saída e meta no paseo marítimo de Xuvia. Os marchadores poderán inscribirse na modalidade de marcha individual ou por equipos; os ciclistas nas de individual, parellas ou equipos e tamén haberá a opción de e-bike, na modalidade de individual. As inscricións poderán tramitarse a través da web: www.21leguas.es ou emesports.es/eventos.. Os catro primeiros días do 1 ao 4 de maio incluído, o prezo das inscricións será de 55 euros, se ben a tarifa incrementarase ata os 70 dende o 5 de maio ata o 30 de xuño e ata os 80 euros do 1 de xullo ao 31 de agosto.
Dende o Concello recalcouse que a organización, a cargo do Consistorio e do club deportivo Narón 101, está tramitando os permisos necesarios para poder desenvolver esta gran proba de ultrafondo do noroeste. Unha proba de superación persoal que ofrece aos participantes a posibilidade de coñecer tamén o patrimonio histórico, cultural e natural desta comarca.
O presidente do club deportivo Narón 101 amosou a súa confianza en “repetir o éxito de anteriores edicións desta proba”, animando ás persoas interesadas a inscribirse na mesma.
Dende o Concello, a alcaldesa valorou novamente “o gran traballo que se realiza dende este club local para organizar un evento destas dimensións e tamén á hora de coordinar a todas as persoas que se implican no correcto desenvolvemento do mesmo, como voluntariado, persoal sanitario, de seguridade, etc.”. Marián Ferreiro asegurou que “é unha gran satisfacción ver a excelente acollida das 21 Leguas de Narón, con todo o que representa para a nosa cidade e diferentes sectores que durante unha fin de semana se despracen a Narón centos de persoas chegadas de diferentes comunidades e incluso doutros países para participar ou animar aos participantes”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.