
A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a adxudicación á empresa COPCISA SA da obra de adecuación do Pazo de Raxoi co obxectivo de facer edificio máis accesible e adaptalo para realizar visitas turísticas de carácter histórico, arquitectónico e artístico, cun orzamento de case 3,8 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation EU e un prazo de execución de 12 meses. Tamén se adxudicou a ALCOMTE GALICIA S.L., por 394.536,54 euros, o contrato das obras de reurbanización da rúa Puente la Reina. Destes e outros temas tratados en Xunta de Goberno deron conta esta mañá en rolda de prensa a voceira do executivo municipal, Míriam Louzao, e o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás.
A concelleira Míriam Louzao e o concelleiro Iago Lestagás na rolda de prensa de hoxe
Míriam Louzao anunciou a aprobación por parte de Xunta de Goberno da adxudicación do contrato das obras de adecuación do Pazo de Raxoi co obxectivo de “facelo máis accesible e habitable e adaptalo para realizar visitas turísticas de carácter histórico, arquitectónico e artístico”. A empresa adxudicataria da obra é COPCISA SA e contará cun orzamento de 3.777.871,93 € , financiado co apoio dos fondos Next Generation EU, e un prazo de execución de 12 meses. O proxecto foi redactado pola UTE REDONDO, VALLADARES E RODRÍGUEZ SLP + EZCURRA Y OUZANDE ARQUITECTURA SLP.
A voceira municipal detallou que esta intervención permitirá a renovación e mellora das instalacións de climatización, ventilación, iluminación… do edificio para adaptalas ás normas, reducir os consumos e facelas máis eficientes e respectuosos. “Tamén se mellorará a funcionalidade dos espazos en que se vai intervir, para combinar espazos de traballo e os que se dediquen ás visitas públicas”, engadiu. En concreto, se acondicionarán as plantas segunda e terceira do edificio e se levará a cabo labores de restauración dos paramentos, das portas e dos elementos mobles das capelas, situadas no terceiro andar e no soto.
Míriam Louzao recordou o compromiso do Goberno municipal coa mellora da accesiblidade universal en todas as obras e, que no caso desta intervención do Pazo de Raxoi, materializarase comunicando o soto cos andares superiores coa instalación dun elevador complementario, e coa construción dunha rampla desde a praza do Obradoiro co obxectvo de “ter unha Casa do Concello máis amigable para a veciñanza, para as persoas que a visiten e para o persoal que aquí traballa”.
Obras da rúa Puente la Reina
O executivo municipal tamén acordou esta mañá a adxudicación do contrato das obras da rúa de Puente la Reina á empresa ALCOMTE GALICIA S.L. por un orzamento final de 394.536,54 euros e un prazo de execución de 5 meses.
A voceira recordou que este proxecto de urbanización xa fora aprobado no pasado mes de outubro co obxectivo de “rexenerar o espazo público nesta área da cidade e complementa as obras xa executadas nas rúas de Quiroga Palacios e Batalla de Clavijo”.
Con esta intenvención preténdese redistribuir o espazo existente na rúa, aumentando a dimensión das beirarrúas para mellorar a integración dos percorridos peonís e a accesibilidade en toda a súa lonxitude. Nesta liña, tamén se elevará a altura do cruzamento principal na parte central para remarcar a preferencia peonil e se reorganizarán os espazos de aparcamento, “que se integrarán nunha faixa arborada contínua en toda a lonxitude, onde se colocarán o mobiliario urbano, os colectores de recollida de lixo e outros servizos”, detallou. Tamén se substituirá a rede a de saneamento “dado o seu deficiente estado”, e se executará unha nova rede de telecomunicacións.
Inicio recepción obras da rúa do Pombal
A Xunta de Goberno local tamén aprobou esta mañá o inicio dos trámites de recepción da obra de reurbanización da rúa do Pombal, unha intervención que comenzou en xuño de 2024, cumprindo o prazo de execución de 8 meses e contou cun orzamento de 732.420,01 euros.
Míriam Louzao recordou que “na última semana de febreiro, segundo o previsto, executouse o firme do último tramo da calzada unha vez que as instalacións urbanas e as beirrarúas xa estaban totalmente rematadas e agora, unha vez que o formigón adquiriu a resistencia óptima para a súa posta en funcionamento”, o Concello inicia o proceso de recepción dos traballos.
A voceira amosouse “moi satisfeita” coa execución da obra e coa implicación e comunicación coa veciñanza ao longo dos meses que duraron as obras, cuxo obxectivo era resolver a accesibilidade e a seguridade para as persoas, con novas beirarrúas máis amplas e sen barreiras arquitectónicas; coa renovación das instalacións de abastecemento e saneamento, do alumeado público e con novas acometidas da rede de distribución de gas e a instalación de novo mobiliario urbano.
Expropiacións para urbanización plataforma loxística
Pola súa parte, o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, informou de que a xunta de goberno aprobou o proxecto de expropiación complementaria por taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras de urbanización exterior da plataforma loxística.
O proxecto das obras de urbanización exterior aprobouse na XGL o 20 de xaneiro deste ano (2025) e desenvolve o previsto no Plan especial de infraestruturas para a plataforma loxística (aprobado definitivamente en outubro de 2023). Esta actuación suporá un investimento de 629.181,26 con IVE incluído (Orzamento base de licitación) .
Na redacción do proxecto de obras determinouse con maior precisión o terreo afectado por esta obra de urbanización exterior, dentro do incluído no Plan especial, o que supón completar agora a súa dispoñibilidade a través desta expropiación complementaria, de 1.089,55 m2. Prevese un acceso á plataforma pola Vía de la Cierva, unha vía que actualmente ten 6 metros de ancho e que debe ser remodelada e redimensionada para soportar o novo tránsito. Ademais, amplíase a sección e delimítanse dous carrís de circulación, constrúese unha rotonda de acceso ao centro loxístico e tamén novas beirarrúas accesibles nunha das súas marxes.
Iago Lestegás tamén aproveitou a súa comparecencia para informar da proposta de acordo que levará ao pleno ordinario deste mes de marzo para preservar o uso comercial dos baixos en determinados ámbitos do municipio. A proposta, que foi analizada este luns na Comisión de Urbanismo, pretende protexer o comercio de proximidade e garantir a dispoñibilidade de espazos para a apertura de novos negocios evitando a aplicación, en determinados ámbitos, do artigo 76 da Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas sobre o cambio de usos de locais comerciais a vivenda. “Santiago ten moitos baixos que se poden transformar en vivenda”, afirmou o concelleiro Iago Lestegás, quen defendeu que “non se pode facer tábula rasa e ignorar as particularidades de cada barrio”.
Outros asuntos
O exectutivo local tamén autorizou o inicio de trámites para proceder a recepción das obras de ampliación da rede de saneamento na rúa do Coto dos Olmos (Bando) ao abeiro do POS+2023-Adicional 2/2ª fase da Deputación da Coruña.
Tamén se aprobou a prórroga do contrato coa sociedade mixta ‘Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos SL’ (XADE) ata o 14 de xuño de 2026, “cumpríndose así o máximo de 25 anos que se estableceu no prego de cláusulas económico-administrativas aprobado polo pleno da corporación o 5 de febreiro de 2001”, detallou Míriam Louzao.
XADE xestiona actualmente o Multiúsos Fontes do Sar e as piscinas, así como o Complexo Deportivo de Santa Isabel. Segundo información da propia sociedade, estes recintos teñen actualmente arredor de 8.000 persoas abonadas (unhas 11.000 usuarias) que participan nas distintas propostas e ofertas deportivas que se están desenvolvendo no ámbito das instalacións adscritas. Por esta razón, Míriam Louzao destacou que se tramita esta prórroga “mentres traballamos na fórmula para garantir a continuidade da prestación do servizo. Neste momento están a realizarse os estudos previos necesarios para determinar a fórmula mediante a cal se prestará”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.