Monday 31 de March de 2025

Paderne logra manter as súas dúas escolas unitarias un curso académico máis


 Cada un dos centros pechou o período de solicitude de praza con seis alumnos e alumnas

 A inclusión do servizo de Madrugadores en Viñas por parte do Concello foi un dos factores decisivos para acadar un número mínimo de matrículas

 O alcalde, Sergio Platas, quixo facer partícipe do “éxito” ás “nais e pais das unitarias, as profesoras e á veciñanza, que se implicaron de xeito persoal para manter as escolas”

O Concello de Paderne logra manter as súas dúas escolas unitarias un curso académico máis. A pesares de que a promoción de boa parte do alumnado actual cara a etapa de Educación Primaria provocaba un serio risco de que os dous centros educativos de Infantil non acadasen o número mínimo de nenos e nenas para permanecer abertos o vindeiro curso escolar, finalmente Paderne logrou que as unitarias sigan en activo.
Tras o peche do período de solicitude de praza, xa é oficial que tanto o centro educativo de Areas como o de Viñas contarán con seis alumnos e alumnas cada unha no próximo curso 2025-2026. Esta media ducia de rapaces e rapazas de 3 a 5 anos é o número mínimo co que a Xunta de Galicia garante a continuidade destes centros rurais.
O alcalde, Sergio Platas, quixo celebrar o “éxito” de manter estas escolas en activo, que supoñen “un luxo” para a veciñanza de Paderne e dos seus arredores. Neste sentido, o rexedor sinalou como un aspecto clave a aposta do Concello de Paderne por engadir o servizo de Madrugadores á escola de Viñas. Un servizo gratuíto para as familias e que xa estaba presente no centro situado en Areas.
Ademais, o Concello continúa estudando xeitos de reforzar aínda máis os servizos de conciliación, un extra á oferta educativa “personalizada” que ofrecen as escolas, con todos os contidos do currículo de Infantil cubertos e unha atención máis pormenorizada e estreita co alumnado e as súas familias.
A iniciativa de apostar polo servizo de Madrugadores chegou despois de culminar as obras de mellora nos centros educativos de Viñas e Areas, que sufriron unha remodelación para mellorar as súas instalacións. O Concello desenvolveu un investimento total que estivo preto dos 100.000 euros, financiados con fondos propios, e polo que ambas as dúas escolas gozan dunha mellor imaxe en cuestión de infraestrutura e mantemento, ademais de contar con parques infantís máis modernos e seguros.
Esta importante aposta englóbase dentro do plan de ‘Educa en Paderne, educa na casa’, co que o Concello de Paderne pretende fomentar a matriculación nos centros do municipio. A través deste plan integral desenvolvéronse iniciativas como varias xornadas de portas abertas, faladoiros entre pais e nais ou a publicación de vídeos nas redes coas unitarias como temática.
Agradecemento
Máis aló de poñer en valor a aposta do equipo de goberno pola educación, o alcalde quixo facer partícipe desta continuidade das unitarias “a todas as persoas que se implicaron de xeito persoal” na causa.
“As nais e pais das unitarias, e en concreto Berta Picado, fixeron un enorme traballo para promocionar estes centros. Tamén ás profesoras e boa parte da veciñanza, que entendeu como un recurso de enorme valor o feito de que Paderne poida contar con dous colexios destas características. Todas e todos foron absolutamente fundamentais para que a nosa campaña #EducaEnPaderneEducaNaCasa acabase este ano do mellor xeito posible. Agora, toca seguir traballando para que a sociedade siga a coñecer as bondades destas escolas e as familias continúen apostando por educar aos fillos e fillas en Paderne”, explicou Platas.
O rexedor tampouco se quixo esquecer dos medios de comunicación, aos que agradeceu “o interese e seguimento para dar repercusión a un tema moi importante para Paderne e que cómpre ter no centro do debate diario”.

Deja un comentario