Tuesday 01 de April de 2025

A Carreira Costa Ártabra regresa este domingo á Coruña cun percorrido do castelo de Santa Cruz ao de San Antón


O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na presentación da proba, que xa conta con máis de 1.000 persoas inscritas

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou esta mañá na presentación da terceira edición da Carreira Costa Ártabra, unha carreira popular cun percorrido de 10 quilómetros que se celebrará o domingo 30 entre os municipios de Oleiros e A Coruña. “Desde o Goberno de Inés Rey levamos un lustro potenciando probas deportivas que permitan á cidadanía levar hábitos de vida saudables e por terceiro ano consecutivo apoiamos esta proba tan singular”, indicou Vázquez durante o acto, no que tamén participaron Sonia Valbuena, directora de Casco, Ana Mónica Novo, directora da UNED, Roberto García, do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, e María Teresa Vázquez, concelleira de Deportes de Oleiros.
A Carreira Costa Ártabra é un evento deportivo benéfico organizado pola Asociación Casco e que conta co apoio do Concello da Coruña. A proba celebrarase este domingo, 30 de marzo, ás 9.30 horas, con saída desde o castelo de Santa Cruz, en Oleiros, e chegada no castelo coruñés de San Antón. O obxectivo desta competición é visibilizar e financiar un programa que mellore a calidade de vida a través do deporte inclusivo e que se complemento cun programa que se levará a cabo durante o ano e que implica á unidade de VIH do CHUAC.
O prazo de inscrición para a proba, que xa conta con máis de 1.000 persoas anotadas, continúa aberto a través do portal web www.carreirasgalegas.com. Ademais da proba de 10 quilómetros, tamén hai una variante chamada Milla, cunha distancia de 1,6 quilómetros. Tamén existe a opción de adquirir un dorsal solidario.
O día da proba haberá buses lanzadeira desde A Coruña para que as persoas participantes no teñan que empregar o transporte privado. A recollida de dorsais levarase a cabo na sección de Deportes de El Corte Inglés e as persoas participantes recibirán, ademais do dorsal, unha camiseta e servizo de fisioterapia en meta.

Deja un comentario