Monday 31 de March de 2025

O BNG de Oleiros levará a pleno diversas queixas cidadás sobre o funcionamento dos centros deportivos municipais


No Concello de Oleiros dispomos de catro centros deportivos con piscina para a práctica deportiva, un privilexio, mais estamos a recibir constantes queixas por diversas deficiencias na xestión das mesmas como a fría temperatura de piscinas e duchas os luns pola mañá, deficiencias no mobiliario das saunas, feche da piscina e instalacións de Perillo recentemente aberta, atrasos na suspensión das máquinas dos ximnasios, sauna fría os domingos en Dorneda, escasa cartelaría sinalizadora nas instalñacións, necesidade de esteiras nos solos dos vestiarios, nula axilidade no mantemento e reparación de deficiencias e avarías…. Dende o BNG queremos saber a opinión do Concello sobre o desenvolvemento do servizo por parte da empresa concesionaria e si existe algún expediente aberto á mesma.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Suspensión temporal da execución da obra do multiusos en xaneiro
Recentemente houbo unha suspensión das obras da execución do edificio, chamado multiusos, en Bastiagueiro. O levantamento da suspensión temporal da execución da obra “modificado Nº1” da execución do multiusos foi decretado por decreto do Concello con data de 13/01/2025. Descoñecemos as circunstancias desta nova suspensión após as producidas pola aparición de regatos e mananciais subterráneos. Preguntaremos o concello a que obedeceu esta suspensión.
Estado e Concello declaran non ter obrigas na conservación do mural de Tono Correa Corredoira en Santa Cristina
En resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego o goberno do Estado nega calquera responsabilidade na restauración -urxentísima- do mural de Tono Correa Corredoira en Santa Cristina malia ser un encargo da Demarcación de Costas ao artista en 1992.Na súa resposta ao BNG o Estado descarga no Concello de Oleiros toda responsabilidade sobre a conservación deste emblema ao entender que o mural está ao mesmo nivel que o mobiliario público. No Pleno do Concello de Oleiros, cando preguntamos por esta cuestión, o Alcalde sinalou que o debe facer o Estado.
É tempo de actuar xa!. Perguntaremos ao Concello polos pasos que ten pensado dar para evitar a perda do patrimonio da cidadanía
Deterioro claro nunha pasarela e na varanda de madeira da Rúa Gutiérrez Mellado
Na Rúa Gutiérrez Mellado existe un deterioro claro na pasarela e na varanda de madeira cun potencial risco de caídas e accidentes. Pediremos ao Concello que examinen estes elementos.
Incumprimentos da concesionaria da limpeza
A empresa concesionaria que dende setembro do ano pasado se fixo cargo da limpeza en determinados centros públicos como poden ser as bibliotecas , concellarías, A Fábrica… está a ser obxecto de queixas continuadas pola deficiente prestación deste servizo fundamental. Durante todo este período estanse a detectar problemas, como poderían ser: falta de material para o desenvolvemento axeitado do traballo, non provisión de roupa e calzado o cadro de persoal, escaseza no subministro de papel e outros, non existencia de caldeiros para depósito de materiais de hixiene íntima feminina….
Pediremos ao Concello que obrigue á empresa concesionaria a cumprir as súas obrigas e no caso de que proceda, utilice o procedemento sancionador acaído.

Deja un comentario