
· O pavillón O Espiño acolleu onte a celebración dun torneo e dun certame desta modalidade deportiva.
O pavillón O Espiño converteuse, onte, no epicentro da ximnasia rítmica. Todo grazas á celebración do X Torneo Club Ximnasia Rítmica Carral e do XXII Certame Municipal de Ximnasia Rítmica, que reuniu a unhas 500 deportistas de clubs de toda Galicia. O remate da cita estivo marcado pola entrega de premios, que correu a cargo do alcalde de Carral, Javier Gestal. O rexedor aproveitou a ocasión para felicitar aos mozos participantes “polas súas actuacións, froito do traballo e do esforzo realizado durante meses”.
Por unha banda, o Torneo Club de Ximnasia Rítmica estivo organizado polo club carralés en colaboración co Concello. Nel tomaron parte ao redor de 200 deportistas de idades comprendidas entre os 3 e os 20 anos. Os e as mozas estiveron divididos en categorías de iniciación, prebenjamín, benjamín, alevín, infantil, cadete e sénior base. En total, foron 17 os clubs que exhibiron as súas mellores actuacións durante o torneo, contándose con representación de todas as provincias de Galicia. Ao final das exhibicións fíxose entrega de galardóns ás tres mellores de cada división.
Polo outro lado, o Concello e o Club de Ximnasia Rítmica coorganizaron o XXII Certame Municipal, un evento no que o obxectivo non é a competición en si mesma, senón a demostración das habilidades aprendidas polos ximnastas. Neste caso, déronse cita máis de 250 deportistas que interpretaron un total de 66 actuacións. Ao final fíxose entrega de medallas a todas as persoas participantes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.