
A actividade, dirixida a maiores de 7 anos, ofrece 18 sesións e 216 prazas entre abril e xuño e permite participar no coidado das focas grises do centro científico
O vindeiro mércores 26 de marzo, ás 9.00 horas, abrirase o prazo de reserva de prazas para participar nas sesións de abril, maio e xuño da actividade «Aventura coas focas», unha proposta de divulgación científica desenvolvida polo Aquarium Finisterrae, que permite ás persoas asistentes coñecer de preto o traballo de coidado e alimentación das focas grises do centro.
A iniciativa, impulsada polo Goberno de Inés Rey no marco da súa aposta pola educación ambiental e o acceso universal á cultura científica, forma parte da programación de fin de semana do museo coruñés e ofrece unha experiencia directa con mamíferos mariños que combina aprendizaxe e sensibilización.
Está dirixida a persoas maiores de 7 anos e ofrece a posibilidade de participar na preparación dos alimentos, así como de acceder ás plataformas exteriores nas que se realiza a alimentación e revisión sanitaria dos animais.
Durante o segundo trimestre do ano celebraranse 18 sesións, cun total de 216 prazas dispoñibles. Cada sesión conta cun aforo limitado de 12 participantes, debido ás características específicas da actividade.
«Aventura coas focas» non supón ningún custo adicional ao prezo de entrada ao recinto, mais require a reserva previa de praza para todas as persoas asistentes. Os menores deben ir acompañados por unha persoa adulta, que poderá responsabilizarse de até dous nenos ou nenas.
As reservas poderán realizarse a través da plataforma en liña do servizo de ticketing municipal, dispoñible na seguinte ligazón: https://ticketing.coruna.gal/mc2/acf/
Esta proposta reforza o papel dos museos científicos coruñeses como espazos de aprendizaxe, ciencia e lecer en familia, ao tempo que contribúe a sensibilizar sobre a conservación da biodiversidade mariña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.