
A alcaldesa, Inés Rey, presentou xunto ao director do encontro, Luis Piedrahita, todas as actividades que haberá do 24 de abril ao 4 de maio
A quinta edición do Encontro Mundial de Humorismo completa a súa programación cunha ampla programación paralela dirixida a público de todas as idades, que inclúe unha exposición ao aire libre sobre a obra de Forges, proxeccións, mesas redondas e o clásico encontro humorístico-deportivo ‘Match de Impro’.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a presentación da programación completa do certame, que foi detallada polo director artístico do mesmo, o humorista coruñés Luis Piedrahita. Tamén participaron no acto o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e a responsable de Gastronomía, Proximidade e Cultura de Estrela Galicia, Cristina Canosa.
“Continuamos dando pasos e mellorando un festival polo que xa pasaron todos e todas as humoristas de renome deste país e algunhas estrelas internacionais e que converte á Coruña na cidade do humor”, indicou Inés Rey. A edición máis internacional do EMHU, que contará no seu cartel con figuras como o arxentino Luciano Mellera ou os mexicanos Franco Escamilla e Carlos Ballarta, poñerá en valor o talento de humoristas imprescindibles para a sociedade galega e española, como Forges ou Castelao; visualizará o talento local a través do alumnado da Escola de Impro e ofrecerá unha nova sesión aberta ao público de ‘El sentido de la birra’, cuxa temática e artista convidada serán sorpresa. “Contamos na cidade cuns espazos á altura deste encontro, como xa amosamos en todas as edicións, enchendo recintos como o Coliseum ou Palexco, e facendo dobres sesións no Teatro Colón”, apuntou a alcaldesa.
Ademais, o EMHU achegarase ao sector audiovisual coa preestrea en Galicia de ‘Playa de Lobos’, a película dirixida por Javier Veiga e producida por Marta Hazas -ambos participarán nun coloquio co público-; e coa presentación da segunda tempada de ‘Atasco’, a serie dos creadores de ‘El Ministerio del Tiempo’. Este ano tamén haberá espazo para o diálogo e o coñecemento grazas á mesa redonda ‘Anatomía del humor’, na que participarán Javier Santaolalla, José Luis Crespo (Quantum Fracture) e Rocío Vidal (La gata de Schrödinger), tres das figuras máis relevantes da divulgación científica en fala hispana. Os guionistas Luis Piedrahita e Marta González de Vega exercerán, nesta ocasión, de coellos de indias.
A quinta edición do EMHU, que se celebrará do 24 de abril ao 4 de maio na Coruña, arrincará coa inauguración de ‘Guonderful Forges. Los Años de la Esperanza’, unha exposición ao aire libre que estará situada no Cantón Grande durante todo o evento e que renderá homenaxe a un dos grandes humoristas do século XX: Antonio Fraguas, ‘Forges’. Comisariada por Juan Herrera (creador de ‘Humor Amarillo’ e ‘El Hormiguero’, entre outros formatos), a exhibición percorrerá a obra do creador durante o período de transición entre o franquismo e a democracia (1975-1978). Nas súas viñetas, e grazas á súa mirada única, Forges soubo reflectir con agudeza, tenrura e poesía as emocións dunha sociedade en transformación, capturando os seus medos, ilusións e contradicións con só un trazo.
Entre as propostas presentadas esta mañá atópase a preestrea en Galicia de ‘Playa de Lobos’, a nova película de Javier Veiga protagonizada por Dani Rovira e Guillermo Francella, que se presentou, fóra de concurso, no festival de cinema de Málaga. Tanto o director como a produtora, Marta Hazas, asistirán o sábado 26 de abril á primeira proxección do filme en Galicia, que terá lugar no Teatro Colón, e participarán nun coloquio posterior co público. Esta actividade, que será de pago -cuxas entradas se poñen á venda hoxe a través de Ataquilla-, contará cunha cota de 200 invitacións reservadas para as persoas usuarias dos centros cívicos da Coruña. As persoas interesadas poderán solicitalas nos recintos municipais de Cidade Vella, Os Rosales, Monte Alto, Os Mallos e San Diego.
Outra das grandes citas desta edición chegará o venres 2 de maio. Abrirase o pano do Colón e, sobre o escenario, aparecerán tres dos divulgadores científicos máis importantes de fala hispana acompañados por dous guionistas de comedia. ‘Anatomía del Humor. Una visión científica del fenómeno de la risa’ é como se chama a película creada para a ocasión, na que Rocío Vidal (La gata de Schrödinger), Javier Santaolalla e José Luis Crespo (Quantum Fracture) realizarán unha aproximación científica sobre o humor. Completarán a repartición Marta González de Vega -que actuará en ‘Humoris Causa’ o sábado 3- e o director artístico do EMHU, Luis Piedrahita. O acceso á mesa redonda será gratuíto previa retirada de invitación na plataforma Ataquilla. As butacas poderanse reservar desde este mesmo luns, 24 de marzo.
Actividades gratuítas en Afundación con Cultura por Alimentos
A sede Afundación volverá ser un dos recintos do circuíto da risa coruñés. O edificio do Cantón Grande acollerá unha das propostas imprescindibles do EMHU: o seu ‘Match de Impro’, o desternillante encontro humorístico-deportivo que protagoniza o alumnado da Escola de Impro e que cada edición gaña adeptos. Como é habitual, o papel do público será fundamental neste singular partido no que dous equipos enfrontaranse, sobre o escenario, como poidan, nun duelo de improvisación.
As actividades gratuítas na sede Afundación continuarán a partir do luns 28. Pola tarde terá lugar a presentación da segunda tempada de ‘Atasco’, a nova serie dos creadores da mítica ‘El Ministerio del Tiempo’, e que nesta segunda tempada contará coa participación, entre outras figuras, de Luis Zahera, Carlos Areces ou Silvia Abril. Ademais da proxección exclusiva de fragmentos da serie, o seu produtor executivo, Gonzalo Sargadía, e membros da repartición participarán nunha mesa redonda.
O martes 29 a xornada estará protagonizada pola obra dunha figura fundamental na historia de Galicia e do seu humor. Na charla ‘Castelao na arte europea’, Siro López e Olivia Rodríguez abordarán o traballo dun dos pais da caricatura galega e como durante o seu exilio seguiuse nutrindo das novidades e estilos que percorrían Europa naquel momento.
Finalmente, a última actividade gratuíta que o público poderá gozar en Afundación será ‘El sentido de la birra’. Tras a súa exitosa conversación con Antonio Resines na pasada edición, Ricardo Moya regresa ao EMHU. Nesta ocasión farao cunha nova proposta: unha entrevista temática cunha artista sorpresa na que o público tamén pode formular as súas preguntas. Nas súas anteriores gravacións, Moya falou sobre o poder, a verdade, a morte e a vergoña con Goyo Jiménez, Ignatius Farray, Carlos Areces e Leonor Watling. No caso coruñés, as e os asistentes descubrirán o secreto in situ.
Todas as actividades gratuítas da sede Afundación -tanto ‘Match de Impro’ como a presentación de ‘Atasco’, a charla ‘Castelao na arte europea’ e ‘El sentido de la birra’- serán de acceso libre ata completar capacidade, aínda que todas as propostas integraranse dentro do programa Cultura por Alimentos, a iniciativa solidaria coa que a entidade convida ás e aos asistentes para acudir e facer un “pago simbólico” da súa entrada coa doazón de alimentos non perecedoiros, que se destinará ao Banco de Alimentos Rías Altas.
Trece ‘sold out’ a un mes do inicio do festival
O EMHU, a cita coas artes escénicas que reúne ao maior número de espectadores en Galicia, colgou o cartel de “entradas esgotadas” en varias das súas funcións. É o caso de ‘El unipersoal’ de Lucho Mellera; ‘La Chochoctora’, con Henar Álvarez; ‘Show 1995’, con Franco Escamilla; ‘La Ruina’, con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes; as tres sesións ‘Esto no es un show’ que Galder Varas ofrecerá os días 30 de abril e 1 de maio no Teatro Colón; os dous pases de ‘17 veces’, de Faemino y Cansado; e as galas de produción propia ‘Humoris Causa’ -ambas as funcións- e ‘Fantastic Colofon’.
Ademais, outras propostas van camiño do ‘sold out’, xa que contan con escasas butacas á venda. É o da dobre sesión de ‘Apocalípticamente correcto’, de Luis Piedrahita. Precisamente o director artístico do EMHU sinalou esta mañá que, a un mes de inicio do festival, o EMHU vendeu máis de 15.000 entradas, o que supón o 90% dos tiquets dispoñibles nos espectáculos de pago.
Para máis información sobre a quinta edición do EMHU, recoméndase visitar a web oficial www.emhu.es.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.