
O Concello rematou os traballos previstos, dando continuidade ao plan de actuacións e melloras executado previamente nos barrios de Palavea e Novo Mesoiro, onde tamén hai áreas deportivas deste tipo
O Concello completou os traballos de renovación da área biosaudable do parque de Santa Margarita, un espazo público concibido para promover a práctica de exercicio ao aire libre, con equipamentos adaptados especialmente a persoas usuarias de todas as idades, facilitando así a execución de tarefas de tonificación física.
A intervención consistiu na retirada do antigo circuíto de máquinas para a súa substitución por unhas novas, máis modernas e adaptadas ás necesidades actuais das persoas usuarias, tamén máis resistentes, pola súa fabricación con materiais máis duradeiros fronte á erosión e as inclemencias meteorolóxicas.
Neste sentido, e como paso previo, días atrás levouse a cabo a desmontaxe e retirada dos equipamentos existentes. Xa ao longo desta semana completouse o cronograma de traballos coa instalación dunha nova bicicleta estática, unha prensa de peito dobre inclusiva —deseñada para ser accesible a persoas con discapacidades físicas—, unha bicicleta elíptica, unha roda de estiramentos e tamén un banco de abdominais.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que, pouco a pouco, “o Goberno de Inés Rey está a mellorar e remodelar os espazos biosaudables da cidade atendendo ás demandas da veciñanza, distrito a distrito”. Froito deste proceso, nos últimos meses ampliáronse as áreas biosaudables de Palavea e da praia de Oza, renovouse precisamente a de Novo Mesoiro e construíronse outros dous espazos deste tipo no parque Europa e a praza do Parque, esta última no barrio de Monte Alto.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.