Tuesday 01 de April de 2025

As obras dos Cantóns avanzan esta semana con melloras na rede de saneamento que conecta coa avenida da Mariña


Desde mañá, o persoal de obra acometerá a execución dun novo colector para a recollida de augas pluviais, que se habilitará nos espazos dispoñibles entre a sede da Subdelegación do Goberno e a Casa Paredes

O plan de traballos previos ás obras de reurbanización dos Cantóns continuará esta semana con novas actuacións no sector máis próximo á avenida da Mariña, necesarias para avanzar en base ao cronograma previsto.

Neste sentido, o Concello dará mañá un paso máis coas melloras de saneamento previstas nos espazos dispoñibles entre a sede da Subdelegación do Goberno e a Casa Paredes, percorrido no que se abrirá unha gabia para habilitar un novo colector de recollida de augas pluviais, proxectado xa no contexto das obras dos Cantóns.

A execución destes traballos non suporá, en ningún caso, cortes de tráfico. Ademais, a afección aos espazos de estacionamento diante da Subdelegación non sería completa en ningún momento, xa que a gabia irase enchendo cun firme provisional a medida que se instalan as tubaxes.

A medianeira entre o Obelisco e o Teatro Colón, xa demolida

As actuacións preliminares ás obras dos Cantóns arrincaron esta mesma semana coa demolición da medianeira axardinada que había entre o Obelisco e o Teatro Colón. A súa retirada foi necesaria para facilitar os traballos posteriores e tamén para delimitar os espazos de paso de tráfico rodado no desenvolvemento das obras.

Tras os traballos destes días, coa medianeira demolida e co aglomerado reposto, xa é posible recolocar os carrís de circulación, sempre e cando sexa necesario, para o paso de vehículos nas diversas fases de execución.

Deja un comentario