
O Concello colabora coa Agrupación de Montañeros Independientes (AMI) e a oenegué Kubuka na organización do evento, que terá lugar o sábado 5 de abril e concibido como unha actividade sen ánimo de lucro
A Coruña, 23 de marzo de 2025.- Conta atrás de cara ao open de escalada solidaria Kubukami, unha cita que terá lugar no rocódromo municipal de Riazor o sábado 5 de abril e na que o Concello colabora coa Agrupación de Montañeros Independientes (AMI) e a oenegué Kubuka co obxectivo de recadar fondos para axudar a sufragar proxectos deportivos en Kenya e Zambia.
O open solidario Kubukami non é unha competición oficial, senón un evento por unha boa causa no que persoas de todas as idades poderán participar nunha xornada deportiva no rocódromo, con probas na modalidade de escalada en bloque. Ademais, durante o día tamén haberá sorteos de agasallos entre as persoas asistentes.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, convidou a cidadanía a tomar parte nesta cita, “que promove a práctica da actividade física nunha disciplina en auxe, como é a escalada, e tamén valores deportivos e sociais como o traballo colectivo, o esforzo, o respecto ás demais persoas e o compañeirismo, unha filosofía coa que se identifica o Goberno de Inés Rey”.
Neste sentido, todas as persoas asistentes poderán probar o muro de escalada dando unha pequena doazón. O recadado ao longo da xornada irá destinado a un dos proxectos deportivos que está a desenvolver Kubuka en África, onde un dos seus grandes retos é acadar vías para financiar os desprazamentos en autobús dos 200 nenos e nenas inscritos en competicións deportivas, para que así poidan viaxar aos lugares onde se realizan as probas, contribuíndo a facerlles ver outras realidades que tamén lles abran novas oportunidades e perspectivas de futuro.
Máis información sobre o open de escalada solidaria Kubukami, nesta ligazón.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.