
Juan Ignacio Borrego destacou que a cita converte a cidade no mellor escaparate da ciencia e da educación
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, asistiu hoxe á XVIII Feira Matemática, unha iniciativa organizada pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) coa colaboración da Universidade da Coruña e o apoio e financiamento do Concello da Coruña.
A feira celebrouse ao longo de toda a xornada nas instalacións de Palexco e reuniu a preto de 500 estudantes de diferentes niveis educativos —infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional—, procedentes de centros da Coruña, Sada, Rois, Culleredo, Oleiros, Baio e Ferrol.
Ao longo de toda a xornada, arredor de 500 estudantes de centros educativos da provincia participaron nunha trintena de postos arredor do lema escollido para esta edición: “A maxia das matemáticas”. Os proxectos presentados foron elaborados por alumnado de primaria, secundaria e ámbito universitario, baixo a supervisión de 92 docentes.
O Goberno de Inés Rey aposta pola divulgación científica e a innovación educativa como ferramentas clave para construír unha cidade máis igualitaria e preparada para os retos do futuro. A través do apoio a iniciativas como esta feira, promóvese a aprendizaxe activa e o pensamento crítico entre as xeracións máis novas.
Borrego puxo en valor “o esforzo do profesorado e do alumnado na preparación desta feira, que ano tras ano se converte nun escaparate de talento e creatividade ao servizo da educación”. Sinalou ademais que “a implicación de centros de diferentes puntos da provincia demostra o impacto desta iniciativa, que pon en primeiro plano a aprendizaxe activa e o interese pola ciencia”.
A feira tivo como obxectivo achegar as matemáticas á cidadanía dunha forma lúdica, participativa e accesible, promovendo o intercambio de experiencias educativas e visibilizando o valor desta disciplina no día a día. Estímase que preto de 1.500 persoas visitaron ao longo do día a mostra, na que tamén participaron entidades como o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, a Federación Provincial de ANPAS, o Instituto Galego de Estatística, Protección Civil e a Xefatura Provincial de Tráfico.
A Feira Matemática realízase cada ano con motivo da conmemoración do Día Escolar das Matemáticas e consolídase como unha cita referente na divulgación científica e educativa na cidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.