Sunday 23 de March de 2025

O goberno local de Ponteceso leva a pleno un “orzamento austero” baseado nas políticas sociais, os investimentos e o fomento da actividade económica


 O documento económico ascende a 6.313.000 euros, dos cales 517.066 dedicaranse a investimentos reais no municipio.

 “O noso obxectivo principal é seguir prestando todos os servizos que ofrecemos hoxe en día coa maior efectividade posible”, afirma o alcalde, José Manuel Mato.

 Os servizos públicos absorben a maior parte do orzamento, cunha partida de 3.141.865,69 euros.

O goberno local de Ponteceso presenta o proxecto de orzamento municipal para o exercicio 2025, que ascende a 6.313.000 euros, garantindo así un orzamento equilibrado. Segundo destacou o alcalde, José Manuel Mato, este segundo orzamento elaborado polo actual equipo de goberno busca corrixir erros do pasado e avanzar nunha xestión máis eficiente e realista dos recursos municipais. “É a nosa intención seguir mellorándoo e/ou corrixíndoo nos exercicios seguintes co obxectivo de que as contas reflictan a realidade o máis fidedignamente posible”, asegurou o rexedor, que engadiu que “é un documento austero, sen partidas sobredimensionadas, baseándonos unicamente nos ingresos consolidados que tivemos nos últimos anos”.
Este proxecto de orzamento, consensuado cos socios habituais do goberno pontecesán, reflicte un incremento en determinadas partidas destinadas á xestión de servizos esenciais, como a limpeza viaria, a recollida de residuos, a salubridade pública e os servizos públicos básicos. A aposta polos servizos sociais continúa a ser unha prioridade absoluta para o Concello, cunha atención especial ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), as actividades dirixidas a persoas maiores, o Servizo de apoio a familias madrugadoras (Pontecedo) e a mellora da atención a persoas vulnerables. “Para nós, prestar estes servizos é o obxectivo principal”, afirmou Mato.
Ademais do reforzo nos servizos sociais, o goberno local comprométese a atender unha das reivindicacións máis demandadas polo persoal municipal: o inicio do procedemento para a elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT). Esta medida permitirá axustar os salarios dos empregados públicos ás súas responsabilidades, evitando así a fuga de talento, fundamental para acceder a novos recursos doutras administracións.
A mellora e mantemento dos servizos actuais segue sendo un eixo central destes orzamentos. O Concello destinará un maior investimento á conservación dos parques, xardíns e instalacións deportivas, mantendo o seu compromiso coas necesidades básicas da cidadanía e o gasto social. A intención do goberno municipal é continuar avanzando cara a unha estabilidade financeira sostible a medio e longo prazo, aplicando os principios de boa xestión e garantindo que as contas municipais sexan equilibradas e responsables.
A estratexia económica do Concello céntrase en tres grandes liñas de actuación: o fortalecemento das políticas sociais en beneficio da infancia e das persoas maiores, a realización de investimentos para a mellora das infraestruturas locais e o fomento da actividade económica a través do apoio ao comercio local e ao tecido empresarial.
Dentro do capítulo de investimentos, o proxecto de orzamento recolle unha importante partida destinada á construción da senda de Lestimoño, unha obra que se levará a cabo en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña e que contará cunha achega municipal de 339.566,04 euros. Outros investimentos previstos inclúen a expropiación de terreos necesarios para prestacións municipais, como a compra dunha finca en Brantuas de Abaixo para a futura EDAR, a adquisición dun terreo en Nemeño para a creación dun aparcadoiro e un campo da festa, a reforma dun parque infantil e a mellora do aparcadoiro dos terreos da familia Valdés. En total, a partida de investimentos reais ascende a 517.066,04 euros.
A modernización e mellora dos servizos tamén se reflicte noutras iniciativas, como a adquisición dun dron e de tabletas para reforzar a seguridade cidadá, a compra de novos libros para a biblioteca municipal e unha partida de 61.000 euros destinada a proxectos e actividades subvencionados por outras entidades. Entre as accións previstas para o próximo ano inclúense a licitación do servizo de mantemento e conservación de xardíns, a contratación dun renting de equipos informáticos, a posta en marcha dun servizo para erradicar pragas, a recollida de animais domésticos abandonados e a xestión da comunicación municipal.
O equipo de goberno quixo destacar o traballo realizado por todas as concellarías, que souberon adaptarse á situación económica actual, axustando os seus orzamentos e cumprindo cos compromisos adquiridos coa cidadanía. “Prestar os servizos que temos encomendados coa maior efectividade posible é unha tarefa que non sempre resulta fácil, pero continuaremos traballando para garantir a calidade de vida dos nosos veciños”, sinalou o alcalde.
En comparación co orzamento do ano anterior, que ascendía a 6.650.000 euros, o proxecto de 2025 supón unha redución de 337.000 euros. Esta diminución responde á necesidade de axustarse á realidade económica do Concello, evitando contas irreais ou afastadas da viabilidade financeira. “Elaboramos este orzamento con prudencia, axustándonos á realidade económica do Concello, sen contas ficticias ou afastadas da realidade”, recalcou José Manuel Mato.
Por sectores, os servizos públicos básicos absorben a maior parte do orzamento, cunha partida de 3.141.865,69 euros. A área de protección e promoción social contará con 1.023.749,27 euros, mentres que a produción de bens públicos de carácter preferente, que inclúe Cultura e Deportes, disporá de 753.642,67 euros. A área de actuacións de carácter económico contará con 107.579,87 euros, a área de gasto xeral con 971.700,58 euros e a débeda pública terá unha partida de 311.462,02 euros.

Deja un comentario