
O Concello tamén está a traballar estes días nos espazos de xogo da rúa Sebastián Martínez Risco, no barrio de Matogrande, e no que está habilitado no Monte de San Pedro
O Concello iniciou estes días os traballos de mellora previstos na área infantil da praza Santiago Casares Quiroga, no barrio de Elviña, onde o Goberno de Inés Rey ten planificada a reconfiguración da actual superficie de xogos —que combina espazos de céspede artificial con outros con firme de area—.
Neste sentido, e ao igual que xa se fixo meses atrás noutros parques infantís da cidade, como o do Centro Cívico de Monelos e o do CEIP María Pita, retirarase o tapete de céspede artificial e, no seu lugar, disporase un novo pavimento de caucho, máis idóneo á hora de reforzar a seguridade das nenas e dos nenos.
As melloras no parque infantil de Casares Quiroga arrincan tras completárense as actuacións no colector subterráneo que conecta coa estación intermodal, unha intervención que era necesaria para avanzar no desenvolvemento das infraestruturas de saneamento da estación.
Renovación das estruturas de xogo
Ademais, aproveitando a intervención, o Concello tamén renovará as estruturas de xogo máis antigas do parque, onde xa se actuou durante o ano 2023 para crear 12 prazas adaptadas coa introdución de xogos inclusivos. “O que faremos agora será substituír as randeeiras e estruturas que, co seu uso, o paso dos anos e a deterioración progresiva dos materiais, sufriron un maior desgaste”, razoou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
O Concello destina algo máis de 71.000 euros a esta actuación, que permite avanzar no plan integral de mellora dos parques infantís que está a impulsar o Goberno municipal, unha iniciativa que tendo continuidade nas últimas semanas en instalacións como as da rúa Sebastián Martínez Risco, no barrio de Matogrande, e no parque infantil do Monte de San Pedro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.