Sunday 23 de March de 2025

Os Concertos do Xacobeo da Xunta achegan á Coruña as actuacións de Lenny Kravitz, Paloma San Basilio, Chayanne, Alanis Morissette e Lionel Richie


Ofrece un programa amplo e plural que apoia os principais eventos musicais da comunidade, entre eles, o Gozo Festival e o Morriña Festival, entre outros

Turismo de Galicia aposta un ano máis por situar a Galicia como un dos destinos referentes para os públicos coas preferencias culturais máis esixentes e diversas

 

Lenny Kravitz, Paloma San Basilio, Chayanne, Alanis Morissette e Lionel Richie, entre outras grandes figuras do panorama musical internacional visitarán este 2025 a cidade da Coruña da man dos Concertos do Xacobeo. Este programa, impulsado por Turismo de Galicia, inclúe unha proposta ampla e plural, que apoia os principais eventos musicais da comunidade, entre eles, o Gozo Festival e o Morriña Festival. Os Concertos do Xacobeo regresan así, un ano máis, para situar a Galicia como un dos destinos referentes para os públicos coas preferencias culturais máis esixentes e diversas.

 

Lenny Kravitz será o primeiro artistas en visitar a cidade herculina no marco do Gozo Festival, co apoio dos Concertos do Xacobeo. Será o xoves 10 de abril, a partir das 21.30h, no Coliseum da Coruña. O artista presentará o seu Blue Electric Light Tour, con Estrella Morente como artista invitada. Deste xeito, o Coliseum acollerá a cuarta visita a Galicia da estrela norteamericana na súa traxectoria.

 

Mentres, a gran diva da canción Paloma San Basilio despídese este 2025 dos escenarios cunha gran xira internacional, o seu ‘Gracias Tour’, onde interpretará os seus grandes éxitos nun concerto para o recordo. A xira fará a súa parada en Galicia o sábado día 3 de maio, no Palacio da Ópera da Coruña, no marco dos Concertos do Xacobeo impulsados por Turismo de Galicia.

 

Paloma San Basilio é unha das voces más icónicas e versátiles da escena musical latina, que ofrece neste 2025 a súa esperada xira mundial titulada ‘Gracias’, en honor aos seus 50 anos de traxectoria artística. Acompañada pola súa talentosa banda, que inclúe á súa propia filla entre as coristas, a artista promete unha experiencia inesquecible e chea de música, emoción e recordos que perdurarán na memoria de todos os asistentes. A xira será un tributo aos grandes éxitos que definen a súa carreira, onde non faltarán cancións tan emblemáticas como No llores por mí Argentina, Luna de miel, Porque me abandonaste, Juntos e Cariño mío, entre outras. Con máis de 16 millóns de discos vendidos ao longo da súa carreira, Paloma San Basilio deixou unha pegada indeleble no mundo do espectáculo e segue a ser unha das artistas máis queridas e respectadas na música latina.

 

Tamén no mes de maio, o mesmo Coliseum da Coruña será testemuña do novo directo de Chayanne. O portorriqueño, un dos artistas latinos máis influentes de todos os tempos, regresa a España tras máis de 10 anos de ausencia coa súa xira máis ambiciosa ‘Bailemos outra vez’. As súas cancións permanecen intactas co transcurso do tempo, cun repertorio cheo de himnos gravados na memoria de diferentes xeneracións e que, esta primavera, o público da Coruña poderá gozar en directo. As entradas para este concerto de Chayanne no marco dos Concertos do Xacobeo voaron en apenas seis horas o pasado novembro.

 

Finalmente, o Gozo Festival, da man dos Concertos do Xacobeo, achegará á Coruña outras dúas grandes figuras internacionais: Alanis Morissette e Lionel Richie. A recoñecida cantante e compositora norteamericana, quen marcou a toda unha xeración co seu emblemático álbum Jagged Little Pill, actuará no Coliseum o mércores 9 de xullo como parte da súa xira mundial Triple Moon Tour, no que será o único concerto desta icónica artista gañadora de sete Premios Grammys en Galicia. A cita promete non defraudar coa súa enerxía e a súa emotividade tan características. Pola súa banda, Lionel Richie, o mito da música negra dos anos 70 e 80, visitará tamén o Coliseum da Coruña o xoves 31 de xullo para revisar o seu celebrado repertorio de todas as épocas.

 

Morriña Festival

Paralelamente a estes grandes concertos, os Concertos do Xacobeo apoiarán un ano máis na Coruña a celebración dun festival de referencia como é o Morriña Festival. Trátase dunha das citas musicais máis relevantes da época estival na nosa comunidade, que este 2025 regresa para celebrar á súa quinta edición os días 15 e 26 de xullo. No seu cartel reúnense figuras de primeiro nivel como Nathy Peluso ¬–na que será a súa única actuación en Galicia este ano¬– ou Residente –o artista con máis Grammys latinos da historia–, ademais de Ozuna, Jhayco, Mikel Izal, Ginebras,  ignoise, Alcalá Norte, Elena Rose, Alleh y Yorghaki e Duncan Dhu e máis por confirmar.

 

O festival presenta unha oferta potente de artistas internacionais e nacionais que pisan forte nas listas de escoitas do momento e aposta pola diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos.

 

O Morriña é un evento atractivo e ecléctico que, na súa pasada edición, en 2024, reuniu a máis de 40.000 no Porto da Coruña. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, así como do Concello de A Coruña, a Deputación da Coruña,  o Porto da Coruña e Estrella Galicia.

Deja un comentario