
A alcaldesa agradeceu o galardón outorgado ao Concello da Coruña nos premios concedidos por Down Galicia, recoñecendo a colaboración e o apoio institucional ás actividades da asociación
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta tarde no acto de entrega dos premios Down Galicia, que na súa décima edición lle outorgaron ao Concello da Coruña o galardón en categoría institucional, visibilizando o traballo de colaboración establecido coa asociación en materia de inclusión e integración social e laboral das persoas con síndrome de Down.
No acto, celebrado no paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, Rey puxo en valor “o compromiso e traballo sen descanso” de Down Coruña, que este ano cumpre un cuarto de século de percorrido desde que arrincou a súa actividade no Barrio das Flores e, xa posteriormente, nas súas instalacións de Pedralonga.
A rexedora puxo a Down Coruña como “un exemplo de loita, por estar desde o primeiro día buscando melloras no benestar e na calidade de vida das persoas con síndrome de Down e tamén das súas familias, un compromiso que compartimos desde o Concello porque entendemos que a única sociedade xusta é aquela na que todas e todos teñen cabida e na que todas as persoas gozan das mesmas oportunidades e dunha vida independente”.
Neste sentido, Rey puxo como exemplo iniciativas como o quiosco Down Experience, aberto desde hai case catro anos na praza de Ourense, un espazo emblemático que, tras anos pechado, se recuperou para usos hostaleiros grazas á colaboración entre Down Coruña e o Concello.
“Non falamos de experiencias illadas, e iso é alentador. A finais de ano, o mercado municipal de San Agustín abriulle as súas portas a unha nova emprendedora: Carmela Álvarez, ‘Carmelamola’, para as persoas que seguramente xa pasásedes polo seu posto de bixutería artesanal. Non é un posto ao uso. É un espazo cheo de corazón e talento, onde Carmela dá renda solta á súa imaxinación e capacidades, amosando que as barreiras só existen alí onde nós queiramos poñelas”, dixo Rey, que apuntou que os avances en materia de inclusión tamén se están a ver, pouco a pouco, en eidos como o deporte, no que a alcaldesa puxo en valor o traballo que se está levando a cabo, por exemplo, no Dépor Genuine, equipo de fútbol integrado na disciplina do Real Club Deportivo da Coruña coa colaboración de asociacións como Down Coruña “e que exemplifica os valores máis puros do deporte: o traballo colectivo, as ganas de aprender e o compañeirismo”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.