Saturday 22 de March de 2025

O Concello de Carballo convoca o I Concurso escolar Poesía do revés


Poderá participar alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos e haberá premios por valor de 2.500 euros

 

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Poesía, o Concello de Carballo convoca o I Concurso escolar Poesía do revés, unha iniciativa da Concellaría de Normalización Lingüística que, entre outros obxectivos, pretende contribuír ao desenvolvemento e a promoción da poesía en galego no ámbito escolar, aumentar a competencia lingüística da infancia e mocidade a través da poesía, promover a interacción entre os centros escolares e o Concello a prol da normalización da lingua galega, impulsar a imaxinación, o pensamento analítico e o talento creativo e axudar no descubrimento de novos talentos infantís e xuvenís.

 

O concurso está aberto á participación do alumnado de primaria, secundaria, ciclos formativos e bacharelato do concello. Precisamente, para introducir á rapazada no mundo da poesía, ao longo do mes de febreiro desenvolvéronse unha serie de obradoiros nos que contamos con Antía Otero e Dores Tembrás, do proxecto literario Apiario, e nos que participaron máis de douscentos escolares. Agora terán a oportunidade de amosar o seu talento.

 

Os centros escolares que desexen participar neste concurso deberán presentar as súas solicitudes de participación xunto coas composicións poéticas dos alumnos e alumnas, preferentemente por vía electrónica. O prazo comezará ao día seguinte da publicación da convocatoria deste concurso no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a través da BDNS e rematará o 11 de abril.

 

As poesías deben cumprir as seguintes condicións: estar escritas no idioma galego, ser orixinais, ter unha extensión máxima de 30 versos e incluír un título, ademais do nome do/a autor/a e o curso no que estea matriculado/a. Haberá tres categorías (primaria, secundaria e ciclos formativos e bacharelato) e tres premios por categoría, consistentes en vales de 350, 250 e 200 euros para gastar nunha libraría de Carballo. Tamén poderá outorgarse un accésit dun vale de 100 euros para a obra que mellor reflicta algún aspecto propio de Carballo.

Deja un comentario