O concurso tiña como obxectivo premiar a innovación na cociña galega a través das persoas que representan o futuro da gastronomía galega
Cun menú formado por un xurelo afumado con gotas de mar, unha terrina de cordeiro con puré de castañas e un tiramisú deconstruido, as alumnas do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Tatiana Gerpe e Noelia Fernández gañaron o concurso de Quescrem.
O concurso, que tivo lugar onte no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, tiña como obxectivo premiar a innovación na cociña galega a través das persoas que representan o futuro da gastronomía galega. Así, a competición contou coa participación dos alumnos das once escolas de cociña da nosa comunidade.
As dúas representantes do CSHG leváronse un premio de 1.500 euros e a oportunidade de facer prácticas nun restaurante do Grupo Nove, mentres que o Centro recibiu un premio de 1.000 euros para material e produtos Quescrem durante un curso escolar por valor de 500 euros.
A directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández Vázquez, recoñeceu ao recoller o premio o mérito das dúas alumnas gañadoras xa que, segundo afirmou, “foi unha final moi rifada na que se demostrou o alto nivel de todos os concursantes”.
Cada parella de alumnos tivo que presentar un menú, composto por entrante, prato principal e sobremesa, no que destacase a orixinalidade e a innovación, e que tivera como un dos seus obxectivos principais a busca de novos usos do queixo crema.
O xurado estivo formado por Pepe Solla, chef galego distinguido con Estrella Michelín, Héctor López, chef executivo de Quescrem e cociñeiro do Restaurante España de Lugo, Sergio Martínez, director de I+D de Quescrem, Begoña Martínez, cociñeira e asesora de Quescrem cunha Estrella Michelín, e Manuel Vila, crítico gastronómico e editor da revista Benbo, valorou a orixinalidade e innovación, o sabor, o emprego do queixo, a presentación e a coherencia e equilibrio do menú, ademais de terse en conta a puntualidade na presentación.