Saturday 22 de March de 2025

Abegondo adxudica por 727.000 euros ao ano o seu servizo de axuda no fogar


• A empresa prestará melloras como servizos de fisioterapia, podoloxía, salón de peiteado a domicilio ou axudas técnicas

O Concello de Abegondo adxudicou o seu novo servizo de axuda no fogar, unha das principais necesidades dos veciños no ámbito social. A contratación recaeu na empresa A0 Maiores Servizos Sociais por unha contía anual de 727.875,50 euros.

O servizo ofrecerá atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, así como nas necesidades carácter doméstico e de vivenda e con asistencia de carácter psicosocial e educativo. A prestación será de 26.500 horas anuais, entre atención á dependencia e libre concorrencia.

O Concello dispoñerá ademais das melloras no servizo ofertadas pola empresa e que se puntuaban nos pregos. Será o caso dos servizos de podoloxía, fisioterapia, salón de peiteado a domicilio, estimulación cognitiva e transporte asociado ao acompañamento.

Tamén se dispoñerán de axudas técnicas: guindastres de mobilización persoal, camas articuladas, cadeiras de ducha-baño, cadeiras de rodas e andadores.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, asinou onte o contrato coa empresa. O rexedor destaca que a axuda no fogar “é un servizo imprescindible e por puxemos énfase en garantir unhas condicións de calidade”.

O contrato ten unha duración dun ano coa posibilidade de ser prorrogado por outro ano máis.

Deja un comentario