Saturday 22 de March de 2025

O concello de Carballo ten 311 quilómetros máis de redes de abastecemento e saneamento que hai dez anos


O goberno local e a empresa concesionaria presentaron, coincidindo co Día da Auga, o balance de xestión do servizo

O 22 de marzo é o Día Mundial da Auga, unha xornada que en Carballo conmemoramos cada ano con distintas iniciativas, pero que neste 2025 ten un significado especial. Por unha banda, porque se cumpren 125 anos da inauguración da primeira traída de auga municipal, e, por outra, porque a concesión actual do servizo cumpre 10 anos: un decenio no que demos un salto cualitativo e cuantitativo no ciclo integral da auga.

Hoxe presentamos o balance destes dez anos nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Miguel Vales; o delegado de Gestagua en Galicia, Rodrigo González Pazos, e o novo xefe de servizo da empresa concesionaria en Carballo, Carlos Berroy.

“Carballo está facendo os deberes moi ben. Nestes dez anos instaláronse 311 quilómetros máis de redes de abastecemento e saneamento, que non é pouca cousa. Acabaríamos chegando a Benavente desde aquí, e se seguimos nesta liña acabaremos chegando ata Madrid”, destacou Rodrigo González.

O delegado de Gestagua en Galicia e o alcalde ofreceron algúns dos datos máis relevantes do servizo:
• Nestes dez anos o Concello de Carballo estendeu os servizos de abastecemento e saneamento, que nestes momentos chegan ao 92% da poboación no primeiro caso e ao 98% no segundo. Hai 5.106 abonados/as máis que no 2015.
• Esa extensión materialízase tamén no despregue da rede, realizado de forma íntegra con fondos municipais. A rede de abastecemento pasou de 171 a 251 quilómetros nestes dez anos, e a de abastecemento, de 251 a 416. En total, 311 quilómetros máis de tubaxes, grazas a un investimento que supera os nove millóns de euros.
• Malia o aumento das redes e dos abonados, a mellora na xestión do servizo permitiu reducir o volume de auga captada en 14.526 metros cúbicos e o de auga tratada, en 360.933. Proba desa maior eficiencia na xestión e a redución das fugas de auga e a consecuente a mellora do rendemento da rede, que se sitúa no 79%, un dos niveis máis altos de Galicia.
• O servizo tamén se modernizou nestes dez anos. Dixitalizáronse as 68 instalacións do ciclo integral da auga, monitorizouse toda a rede dividíndoa en 24 sectores, instaláronse analizadores de calidade da auga e telecontrois en todas as infraestruturas. Isto permite dispoñer de máis información en tempo real e anticiparse a posibles problemas e incidencias.

Este extraordinario balance, froito do compromiso e da colaboración entre a Administración local e a empresa concesionaria, converte Carballo nun exemplo de boa xestión, como apuntou Carlos Berroy, quen ademais destacou que as tarifas da auga no noso concello están “moi por debaixo” das medias galega e estatal.

O alcalde puxo en relación os datos co traballo que vén desenvolvendo o goberno municipal nos últimos vinte anos, nos que se apostou claramente pola democratización do ciclo integral da auga poñendo en funcionamento unha nova captación e varias depuradoras nas parroquias que agora fan posible a extensión dos servizos de abastecemento e saneamento.

Hoxe Carballo é unha referencia non só galega senón tamén nacional de excelencia na xestión da auga, algo que se comenta, sábese e recoñécese por parte dos diferentes actores que forman parte deste sector. De feito, como se detalla no informe que se presentou hoxe, e que podes descargar máis abaixo, o servizo de augas de Carballo conta con 4 certificacións de calidade: xestión da calidade, xestión ambiental, xestión enerxética e seguridade e saúde no traballo.

Deja un comentario