Saturday 22 de March de 2025

Aberto o prazo para o XVIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados


Coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 21 de marzo, queda aberto o prazo ata o 16 de maio, para a presentación de propostas ao XVIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Convocado polo Concello de Santiago e Kalandraka Editora, trátase dun dos concursos internacionais de máis prestixio e con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros. Ademáis do premio en metálico, Kalandraka publicara a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares: galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués.

O prazo de presentación de orixinais estará aberto desde hoxe, 21 de marzo, ata o 16 de maio. O fallo anunciarase na última quincena de xuño, para proceder á presentación da obra e á entrega do galardón no mes de novembro deste mesmo ano.

Ao XVII Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, serán remitidos ou entregados no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela)

Editorial Kalandraka

Kalandraka Editora realiza un importante labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil. A produción editorial desta firma inclúe libros en galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, italiano e portugués e conta con múltiples galardóns a nivel nacional e internacional.

Kalandraka participa activamente nas principais feiras internacionais do libro: Boloña (Italia), Frankfurt (Alemaña), Líber (Madrid/Barcelona), Bos Aires (Arxentina), Lima (Perú), Guadalaxara (México), Book Expo América (EEUU). Beijing (China), Tokío (Xapón)… No espazo expositivo de Kalandraka figuran nun lugar destacado as obra galardoadas co Premio Compostela, sendo protagonistas na decoración do propio espazo.

Arredor dos álbums galardoados co Premio “Compostela” tamén se organizan actividades: presentacións para editores, libreiros e bibliotecarios; accións de promoción do certame dirixidas a escritores e ilustradores; encontros cos autores das obras premiadas, etc.

Anteriores edicións

Ata o momento convocáronse dezasete edicións que tiveron unha grande aceptación pois contabilizáronse máis de 4.626 traballos, cifra que dá a medida da importante repercusión que este premio ten a nivel internacional. Os traballos presentados a este premio procederon de diversos países como: España, Italia, Colombia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Alemaña, Arxentina, Francia, México, Uruguai, Suíza, Suecia, Estados Unidos, Austria, Polonia, Ecuador, Noruega, Kazajistán, Chile, Ucraína, China e Brasil.

A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca», presente na rolda de prensa de hoce. Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Alejandro. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum «O can de Milu». Na edición seguinte resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880». Marina Gibert, con «Selva», foi a gañadora en 2021, a artista peruana Fabiola Anchorena con «Esperando o amencer», no 2022, e as catalás Núria Figueras e Anna Font coa súa obra ‘A visita’ no 2023. Na anterior edición o álbum premiado foi «BIM BAM BUM» de María Girón.

Deja un comentario