Saturday 22 de March de 2025

A Coruña volve converterse en epicentro nacional da innovación gastronómica coa décima edición do Galicia Fórum Gastronómico


O evento arrinca o domingo en ExpoCoruña con tres xornadas que terán como eixo principal a diversidade culinaria que ofrece o Atlántico

As xornadas desvelarán quen é o Cociñeiro Galego 2025 ou os premios Picadillo

A Coruña acolle o domingo, luns e martes a décima edición de Galicia Fórum Gastronómico, que este ano terá como eixo principal ‘Un océano de cociñas’, en referencia á rica diversidade culinaria que brota do Atlántico. Un evento que espera acoller a máis de 25.000 visitante e, por tanto, un dos máis importantes do ano a nivel turístico en Galicia.

A Coruña será de novo o escaparate perfecto para a innovación gastronómica e un verdadeiro foro de negocio no que empresas do sector darán a coñecer os seus produtos e ferramentas destinadas a ofrecer solucións aos profesionais da restauración. Á primeira xornada asistirá a alcaldesa, Inés Rey, que destacou a importancia desta cita que sitúa “A Coruña como a capital gastronómica de Galicia”.
Durante tres días, ExpoCoruña albergará as tendencias gastronómicas dos chefs máis prestixiosos de Galicia, ademais de coñecer ás novas promesas da cociña e descubrir todas as novidades do sector. A cita non se limita ao sector profesional xa que o público xeral tamén poderá gozar de relatorios, demostracións en vivo e degustacións nos distintos espazos habilitados, como o Ágora, o Taller ou o Auditorium.

O evento contará con figuras de talla mundial como Joan Roca, Elena Arzak, Marcos Morán, Rita Magro, Ricard Camarena, Lucía Freitas, Kanji Kobayashi, Marsia Taha ou Javier Olleros, entre moitos outros.

Cociña en directo, talleres, degustacións, coctelería, serán estes días o gran atractivo desta feira culinaria. Tamén se debaterán temas de actualidade no Fórum Lab e terá lugar a segunda edición do Concurso de Empanadas. Como sempre, desveleise quen será o Cociñeiro Galego 2025 ou os premios Picadillo.
Toda a programación pode ser consultada en www.galiciaforumgastronomico.com.

Deja un comentario