Saturday 22 de March de 2025

San Sadurniño volve adherirse ao acordo Xunta-FEGAMP para a retirada de niños de velutina


O Concello de San Sadurniño integrarase de novo durante este 2025 no protocolo de colaboración asinado pola Xunta e a FEGAMP para o control da avespa asiática. Un acordo que, como principal medida, implica centralizar no teléfono 012 todos os avisos e que sexa a empresa pública SEAGA quen se ocupe da retirada dos niños -ou das actuacións necesarias- nun prazo máximo de cinco días hábiles. Tras un 2024 que na nosa zona se saldou cunha importante baixada da incidencia da praga (que, por certo, segue sen estar declarada oficialmente como tal), de cara aos próximos meses mantense a incógnita sobre se imos ter moita ou pouca velutina. En calquera caso, chegado marzo, desde o Concello faise un chamamento á veciñanza para facer trampeos de primavera cos que capturar as raíñas fundadoras das colonias. Por cada unha que pillemos teremos un niño menos do que preocuparnos.

Acabamos de comezar a primavera tras un inverno que, coma os anteriores, veu húmido e suave. Coas temperaturas que estamos tendo danse as condicións perfectas para que as raíñas fundadoras de novas colonias de velutina saian do seu letargo e empecen a construír os niños embrionarios nos que criar a primeira xeración de obreiras.

Por esta razón, concellos e colectivos apícola recomendan facer un trampeo selectivo na contorna de onde houbese niños secundarios o ano pasado e sempre preto de camelias e outros arbustos de floración temperá. Cómpre ter en conta, porén, que nos últimos tempos cada vez son máis as voces -incluídas as científicas- que rexeitan colocar trampas, argumentando que non cumpren o obxectivo de reducir sensiblemente as poboacións de vespa velutina nigrithorax e que, pola contra, ocasionan danos serios nas poboacións locais de insectos.

A falta de estudos máis concluíntes ao respecto, de momento o que rexen son os protocolos oficiais, como é o caso da estratexia de xestión de ámbito estatal publicada polo Ministerio de Agricultura, onde si se aconsella trampear entre febreiro e marzo.

En youtube hai unha chea de tutoriais para construír trampas de diversos tipos, tamaños e custes. Ademais tamén se poden facer na casa utilizando botellas de plástico con orificios polos que só poidan saír os insectos autóctonos pero non as avespas asiáticas. Como engado valen as mesturas habituais que combinen unha parte alcólica e outra doce -vermú, cervexa, viño branco, zume de arandos, etc.-, aínda que disque tamén dá bo resultado o atraente preparado con 5 gramos de lévedo fresco do pan disolto en medio litro de auga xunto con 200 gramos de azucre. A efectividade do atraente dependerá da temperatura ambiental e, en todo caso, debe cambiarse cada 12 ou 15 días.

Os trallos hai que colocalos cerca de lugares onde o ano pasado se detectasen niños secundarios -os grandes que aparecen no bico das árbores- e tamén  ao carón de camelias e outros arbustos de flores rechamantes a unha altura duns 2 metros. Neste tempo as trampas deben estar a uns 100 metros arredor das colmeas ou alvarizas, nunca ao seu carón.

Deja un comentario