Saturday 22 de March de 2025

A excelencia da música contemporánea dáse cita no festival RESIS 2025 da Coruña, do 25 de abril ao 31 de maio


A oitava edición do certame, presentada este venres por Gonzalo Castro, homenaxeará aos compositores Wolgang Rihm e Helmut Lachenmann

O festival de referencia da música contemporánea, RESIS 2025, chega á súa VIII edición coa presenza de artistas internacionais e prestixiosas agrupacións como son Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble, Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia ou a Banda Municipal; directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas ou Javier Fajardo; solistas como Viriginia Guidi, Florian Hoelscher ou Florentin Ginot, ou o creador de metasistemas Rubén Panete.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu esta mañá a presentación da programación do RESIS 2025. Tamén participaron Severino Álvarez, director territorial da Consellería de Cultura, Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Sabela García, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, e Hugo Gómez Chao, director do RESIS.
“Desde o Goberno de Inés Rey levamos anos impulsando este certame e nesta edición podemos comprobar o froito da nosa colaboración, cunha programación que traspasa as fronteiras da cidade e amosa o poder cultural coruñés en Santiago, Madrid ou Roma”, sinalou Castro. O RESIS dará comezo co concerto de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, o venres 25 de abril no Teatro Rosalía de Castro.

Sen perder de vista o labor das creadoras e compositoras, a edición deste ano contará coas obras de Clara Iannotta, Raquel Buj, Esther Pérez Soriano, Luz Arcas, Sarah Nemtsov, entre outras. Afianzando o seu firme compromiso polo fomento da nova creación española, o compositor e director do festival Hugo Gómez-Chao Porta e a deseñadora experimental Raquel Buj estrearán KARST na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, obra que tamén será representada no Festival Nuova Consonanza en Roma, coa participación da coreógrafa e bailarina Premio Nacional de Danza 2024, Luz Arcas.
Asemade, o RESIS, na permanente aposta pola educación e a inclusión, realizará actividades de carácter formativo interdisciplinar. O III Panel de lectura de partituras RESIS.LAB, destinado a mozos e mozas compositores e compositoras, é un proxecto didáctico e pedagóxico que, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e baixo a dirección do recoñecido compositor José María Sánchez-Verdú, culminará cun concerto dirixido por Jordi Francés no Auditorio de Galicia de Santiago.
Seguindo esta liña de actuación, levarase tamén a cabo Proxección Sonora IV, aproximando a música contemporánea ás persoas con diferentes capacidades e favorecendo así o acceso igualitario.
O RESIS, cunha programación experimental e híbrida, desenvolverá ao longo destes 30 días concertos, arte sonora, tecnoloxía e dixital, exposicións, cine, masterclasses, coloquios e conferencias que se encadrarán nunha ducia de espazos de alto nivel patrimonial, arquitectónico e paisaxístico no centro da cidade da Coruña. As entradas aos concertos e actividades serán gratuítas, reservándose en ataquilla.com ou de maneira presencial no quiosco da Praza de Ourense. Toda a programación pode ser consultada na páxina web www.resisfestival.gal.

Espazos de Intervención

Unha das singularidades do Festival RESIS en todas as súas edicións son os espazos singulares nos que se organizan os concertos, workshops e performance, recorrendo este ano a Igrexa das Capuchinas, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Palacio da Ópera, o Museo de Belas Artes da Coruña, a DOMUS e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía MUNCYT. E, ademais, a Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, a Cidade da Cultura e o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela; o Círculo de Belas Artes e o Instituto Goethe, en Madrid; o Teatro Pelanda Matatoio en Roma (Italia) no Festival Nuova Consonanza, e en Alte Mühle en Rathenow (Alemaña).

Deja un comentario