Saturday 22 de March de 2025

Presentación do novo Programa de Envellecemento Activo


O Centro Sociocomunitario e do Benestar da Pobra do Caramiñal ven de presentar, en conxunto ca Concellería de Servizos Sociais da Pobra, unha nova edición do programa “Envellecemento Activo”. 

“Trátase de mellorar a autonomía e o benestar persoal da xente maior. Son actividades destinadas a manter o tecido social dun amplo sector da nosa veciñanza, de facilitar unha mellor calidade de vida a través dun estilo de vida activo, retrasando o deterioro físico e cognitivo”- indicou Ricardo Lago Símil, director do Centro Sociocomunitario de Pobra. 

“É unha cuestión, tamén, de saúde. A medida que envellecemos, o acceso á vida social difícultase, xerando problemas de reclusión e soidade. Dende a Concellería de Servizos Sociais seguiremos colaborando de xeito activo con toda iniciativa destinada a mellorar esta situación”, declarou a edil Amparo Cerecedo, concelleira de Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal. 

As inscricións, que se farán no propio Centro Sociocomunitario, permitirán ás persoas usuarias acceder a dous bloques semestrais das actividades de Envellecemento Activo e de Musicoterapia. O primeiro ciclo semestral de cada actividade comezará en abril e prolongarase ate maio, iniciando o segundo en outubro e rematando en novembro.

Deja un comentario