Saturday 22 de March de 2025

‘Salvaxe, Salvaxe’, con parte da súa rodaxe na comarca do Barbanza, chega este venres 21 ás salas de cine


O filme do director Emilio Fonseca, que está agora mesmo coa súa xira de preestreas galegas, foi premiado en eventos como o Festival de Málaga, FICG Guadalaxara, Play-Doc, Alcances, Festival de Cine Internacional de Ourense ou Another Way Film Festival

SALVAXE, SALVAXE visitará na súa primeira semana en salas cidades e localidades como Lugo, Santiago de Compostela, Cee, Ribeira, A Coruña, Valladolid, Madrid, Valencia ou Barcelona.

Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga os límites entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido. SALVAXE, SALVAXE busca resignificar as imaxes de natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos

“SALVAXE, SALVAXE”, a primeira longametraxe do cineasta Emilio Fonseca, chega ás salas de cine o este venres 21 de marzo despois da premiere co equipo que terá lugar o xoves 20 nos Cines Cantones da Coruña.
Ata finais do mes de marzo o documental poderá verse en CineBaix (Sant Feliu del Llobregat), Zumzeig (Barcelona), Cines Babel (Valencia), Cines Embajadores Río (Madrid), Círculo de Bellas Artes (Madrid), Cines Manhattan (Valladolid), Duplex Cinema (Ferrol), no Teatro Colón da Coruña dentro da Semana do Cine Galego 2025, Cines A Xunqueira (Cee), Cines Broadway (Valladolid), Códex (Lugo) e Numax (Santiago de Compostela).
Unha das súas paradas tamén será o Auditorio de Ribeira o 27 de marzo ás 19:00 h, nunha proxección na que estarán presentes o seu director, Emilio Fonseca, e a súa produtora, Xiana do Teixeiro.
A concelleira de Cultura, Antía Alberte anima á veciñanza asistir á proxección que será de balde, tamén sinalou que “depois da proxección, haberá un coloquio co propio director, Emilio e a produtora, Xiana onde se lle poderá facer preguntas sobre o documental así como facer unha reflexión sobre a temática do documental”.
Poden consultarse todos os pases en salvaxasalvaxe.com.
O documental, rodado entre Galicia e Portugal coa compaña de científicos/as e investigadores, busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontro.
“Con SALVAXE, SALVAXE quixen facer unha película para compartir a emoción que me esperta a cohabitación con outras formas de vida. Empecei o proxecto como un documental sobre os lobos do noroeste ibérico, entrevistando a xentes que tiveran contacto con lobos, gandeiros, investigadores. Axiña me dei conta de que non quería facer outra reportaxe sobre os danos á gandería, as medidas de protección do gando e a chamada “xestión” do lobo, cando o único que significa é cantos hai que matar. Tampouco busquei un “típico documental de natureza” no que se espectacularice o drama da vida salvaxe nunha contorna bucólica onde non hai rastro do humano. Non me parece interesante discutir se hai que conservar ao lobo, especie fundamental dos nosos ecosistemas. Para min é urxente coidar esa poboación de lobos e os ecosistemas nos que habitan e tamén axudar a desarticular políticas e discursos contrarios ás vidas non humanas e a evidencia científica”, afirma o director.
“SALVAXE, SALVAXE” (2024) obtivo recoñecementos en festivais como o de Málaga (Premio mellor documental), FICG Guadalajara (Mención especial Premio Socioambiental), Play-Doc (mellor documental galego), Alcances (Mención especial), Ourense (mellor dirección Galicia) ou Another Way (Premio do público Impacto). Tamén estivo en competición noutros festivais como o Festival de documentais de Tesalónica, Porto/Post/Doc, MajorDocs, Cinespaña Toulouse ou L’Alternativa de Barcelona.
Walkie Talkie Films presenta este proxecto producido por Animala e Xiana do Teixeiro que conta co financiamento do ICAA a través do Goberno de España, a subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a participación da CRTVG e o apoio á distribución da Deputación da Coruña.
SALVAXE, SALVAXE
DOCUMENTAL, EXPERIMENTAL, ENSAIO
ESPAÑA, 2024
86 MINUTOS
“Cheiras iso?” A cámara entra nos montes da Galiza e o norte de Portugal entre murmurios. Para tecer os sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos. Salvaxe, salvaxe rastrexa imaxes e ausencias do lobo
ibérico. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Este ensaio fílmico é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.”
O director: Emilio Fonseca
Explora relacións entre humanos e non humanos desde a análise dos conflictos ecosociais e discursos culturais e desde a busca da xustiza interespecie e as similitudes e encontros entre comunidades de distintas formas de vida que cohabitamos o planeta.
Guionista, director, debuxante, animador e docente en ámbitos da imaxe, funda en 2008 Walkie Talkie Films, traballando con linguaxes documentais e experimentais. Autor dos ensaios sobre Antropoceno, simulacro e delirio “Somos plaga” e “Soy muro” da serie de pensamento “Soy Cámara” (CCCB), o libro “Imágenes: un dominio público” (VVAA, CCCB, 2020), e as pezas televisivas “Queimar o monte” e “Tallers Sonors”. Participou no proxecto de arte e cooperación internacional “Chaco Ra’anga” (AECID), creando o cómic documental sobre conflictos ecosociais “Verde Invisible” (AECID, 2024). É tamén autor do cómic de ficción Fóra de Mapa (Premio Castelao de Banda Deseñada 2016).
“SALVAXE, SALVAXE” (2024) é a súa primeira longametraxe cinematográfica.

Deja un comentario