
As obras, cofinanciadas con fondos europeos Next Generation, dan continuidade ao plan de actuacións previsto polo Concello entre o Ventorrillo, a Silva e Agrela, onde xa está aberta a nova glorieta coa rúa Gambrinus
O Concello puxo en marcha este venres os traballos de construción da nova rotonda entre a avenida de Fisterra e a rúa Gutenberg, unha intervención que suporá un investimento de case 400.000 euros, cofinanciado con fondos Next Generation.
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou hoxe a importancia desta medida, “coa que buscamos mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria entre o Ventorrillo, a Silva e o polígono industrial de Agrela”. Rey lembrou que a avenida de Fisterra é unha das principais vías de entrada e saída da cidade, tamén un percorrido clave para os vehículos de carga pesada e furgóns de mercadorías que lles prestan servizo ás empresas de Agrela ou na contorna de Meicende.
Os traballos preliminares á construción da nova rotonda xa foron visibles ao longo destes últimos días, coa chegada das máquinas de demolición, a colocación das barreiras e balizas que acoutarán os espazos de actuación e tamén a desmontaxe das biondas na medianeira.
A rotonda, tal e como se informou cando as obras saíron a concurso, terá 29 metros de diámetro, con dous carrís de 4,5 metros cada un e unha beiravía de 0,5 metros. Haberá dous carrís de entrada e saída desde a avenida de Fisterra, mentres que cara á rúa Gutenberg haberá un en cada sentido.
Son as mesmas dimensións coas que conta a rotonda xa aberta ao tráfico entre a avenida de Fisterra e a rúa Gambrinus, xemelga desta nova glorieta e que tamén se construíu con fondos Next Generation, co mesmo obxectivo: reordenar o circuíto de tráfico rodado entre o sector norte de Agrela e os barrios residenciais próximos.
As rotondas, fundamentais para suprimir dous puntos negros en termos de mobilidade
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que “coa construción destas novas rotondas con Gambrinus e Gutenberg avanzamos na supresión de dous cruzamentos onde, dende hai máis dunha década, se veñen rexistrando numerosos incidentes e sinistros pola escasa visibilidade existente”.
Neste sentido, Díaz, apuntou á importancia de seguir apostando por melloras de mobilidade e do transporte “sen esquecer a necesidade de reforzar as medidas para a pacificación do tráfico e tamén en materia de accesibilidade”. A este respecto, os traballos de construción da rotonda aparellarán a remodelación das beirarrúas e a creación de novos pasos peonís na contorna, adaptados a persoas con mobilidade reducida.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.