
Os 7.108 residentes supón un novo máximo histórico para o municipio, que encadea nove anos consecutivos incrementando residentes.
As claves, segundo o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, son: “Unha aposta decidida por mellorar os servizos públicos, as infraestruturas e a oferta educativa, deportiva e cultural para todas as idades”.
A pirámide poboacional miñense tamén é atípica en Galicia: apenas un cuarto das persoas que viven en Miño teñen máis de 65 anos, mentres que os menores de 18 representan un 14% da poboación.
Miño encadea o seu noveno ano consecutivo crecendo en poboación. Así se desprende das últimas cifras oficiais do Padrón provincial, que se sitúa, ao 1 de xaneiro de 2025, en 7.108 residentes. Trátase da cifra máis alta da serie histórica, marcando un novo fito no municipio, que non deixa de atraer a persoas doutros puntos da comarca e chegados desde o estranxeiro.
O certo é que non só trátase de que Miño gañe poboación, senón que o fai ao ritmo máis elevado de toda a provincia. No último lustro, o crecemento do censo ascende ata o 13% (ao 1 de xaneiro de 2025 hai 831 veciños e veciñas máis que na mesma data de 2021). Ningún outro concello coruñés achégase a un crecemento do 10%, porcentaxe que Miño supera amplamente.
Analizando pormenorizadamente a poboación residente en Miño, hai outro dato que chama a atención: un de cada tres residentes é menor de 41 anos, e só una de cada catro ten máis de 65 anos. Ao contrario do que ocorre en moitos outros concellos galegos, apenas hai 500 persoas maiores de 65 anos máis que menores de 18, polo que o problema do envellecemento non é unha cuestión tan perentoria como noutros municipios.
Isto pode comprobarse no día a día, vendo a demanda de prazas escolares (o alumnado do CPI Castro Baxoi supera xa os 600 nenos e nenas) ou á hora de organizar eventos ou actividades para estas franxas de idade, tales como campamentos, actos deportivos, festas infantís, Nadal, Entroido e máis.
O crecemento poboacional de Miño débese principalmente ao seu atractivo para outras persoas da comarca. A maioría dos novos residentes chegan desde outros municipios próximos, atraídos pola calidade de vida e dos servizos públicos que se ofrecen. Ademais, a nivel inmobiliario, o concello goza dunha moi boa saúde, con varios proxectos en marcha para seguir construíndo vivendas.
Outro factor para destacar son os atractivos naturais e a excelente localización que ofrece Miño, combinando á perfección recursos como roteiros de sendeirismo ou excelentes praias coa proximidade a cidades e vilas importantes, contando cunha boa rede de comunicacións.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, afirma que “os datos de crecemento poboacional confirman que Miño é un municipio dinámico, cun gran atractivo para novas familias e persoas que buscan calidade de vida. Nos enorgullece ver como o noso concello segue sumando veciños e veciñas ano tras ano, consolidándose como un dos lugares con maior proxección da provincia. Isto non é casualidade, senón o resultado dunha aposta decidida por mellorar os servizos públicos, as infraestruturas e a oferta educativa, deportiva e cultural para todas as idades.”
“Seguiremos traballando co mesmo compromiso para garantir que este crecemento sexa sostible e beneficioso para toda a cidadanía. Contamos con proxectos en marcha para ampliar e mellorar equipamentos, ademais de novas promocións de vivenda que permitirán seguir acollendo a quen elixe Miño para desenvolver o seu proxecto de vida. Que o noso censo alcance un récord histórico motívanos aínda máis a seguir construíndo un municipio moderno, próspero e con oportunidades para todos e todas”, conclúe o rexedor.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.