­
Saturday 22 de March de 2025

A Xunta volve a iniciar os trámites para declarar Ben de Interese Cultural a Cheminea das Pontes a petición da veciñanza, do concello e da Deputación da Coruña


— O Diario Oficial de Galicia publica a incoación do procedemento, o que supón a protección inmediata deste ben representativo do patrimonio industrial de Galicia

— O expediente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñécelle o seu “valor cultural sobranceiro” e que supón un “referente local simbólico” da identidade local

— Deberá resolverse nun prazo máximo de 24 meses e terá que contar co ditame favorable de cando menos dous órganos consultivos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural a cheminea da central termoeléctrica das Pontes García Rodríguez, situada neste municipio coruñés. Deste xeito, volven iniciarse os trámites para este recoñecemento, tras o alto interese trasladado ao Goberno galego por parte da veciñanza, do Concello e da Deputación da Coruña, despois de que no primeiro intento non se contase cos informes favorables de cando menos dous órganos consultivos, exixidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Deste xeito, co comezo deste procedemento, á cheminea xa se lle aplica de forma inmediata e provisional o máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio industrial de Galicia. Precisamente, na incoación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta o feito de que para os veciños e veciñas das Pontes esta infraestrutura “deixou de ser simplemente un elemento industrial para converterse nun símbolo da identidade local, ao representar unha era de crecemento, desenvolvemento e transformación, tanto a nivel local como social”.

Ao respecto, o expediente recolle que esta instalación é un “referente local simbólico” da importante actividade de xeración eléctrica no panorama do Estado e que se produciu desde este concello coruñés. Nesta liña, salienta que, como consecuencia deste “forte vencello” entre a poboación da vila das Pontes e esta infraestrutura, e perante as dúbidas sobre o seu posible futuro, máis de 2.200 veciños e veciñas desta localidade achegaron esta reclamación, a través da Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, para que obtivese a declaración como Ben de Interese Cultural.

Cómpre aclarar que aínda que a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia recoñece o valor cultural do patrimonio industrial para os bens anteriores a 1936, tamén admite que se lle pode outorgar esta distinción a aqueles construídos con data posterior se así o xustifica un estudo polo miúdo. Neste senso, no expediente está xustificado na súa “singularidade e monumentalidade”, polo seu tamaño, que a mantén como a máis alta de España e a segunda de Europa, “así como a súa representatividade, como parte icónica do conxunto e elemento máis identificable polas súas condicións de visualización”.

Carácter cultural sobranceiro
Tendo en conta isto, o persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio considerou que a cheminea das Pontes posúe “un carácter cultural sobranceiro” que a fan merecente de iniciar a incoación para ser declarada Ben de Interese Cultural, propoñéndose un contorno de protección dunha distancia de 45 metros do perímetro da súa base, necesaria para as tarefas de conservación e mantemento.

Consecuentemente, ábrese un período de información pública dun prazo dun mes, que comezará a contar a partir de mañá, co fin de que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e facer alegacións. De igual xeito, solicitarase o ditame aos órganos consultivos correspondentes que acrediten o valor cultural sobranceiro desta instalación, que son necesarios para que conte con esta máxima protección.

Potencialidade industrial, de lecer e turística
A cheminea da central termoeléctrica das Pontes é unha construción de formigón armado cunha base de 36,40 metros de diámetro e cunha altura de máis de 356 metros, e cun grosor entre 110 e 30 centímetros. Nunha inspección realizada en 2024, constatouse que mantén un bo estado de conservación, polo que no expediente se recoñece que podería usarse como parte de calquera outro desenvolvemento industrial. No entanto, tamén se apunta que “nada impide que se dedique a outros usos relacionados co lecer ou co turismo”.

Nesta liña, na incoación explícase que as posibilidades de utilización son “amplas” e advírtese de que “non ten que quedar necesariamente como un referente da paisaxe, carente de calquera funcionalidade concreta e excluída de calquera actividade que poida xerar un beneficio ou retorno económico”.

En todo caso, tamén se pon en valor que posúe “unha clara potencialidade como ferramenta didáctica”. Así, indícase que pode ser empregada para a interpretación do contexto histórico da ‘Era do carbón’, así como do impacto social da actividade industrial na veciñanza e en como chegou a converterse en parte da súa identidade local.

Deja un comentario