
A alcaldesa mantivo unha reunión con veciños e veciñas do barrio para presentarlles o proxecto de transformación do espazo
A actuación, que conta cun orzamento de 1 millón de euros, permitirá converter unha área degradada nunha praza accesible, con zonas de lecer e melloras na seguridade viaria
O Concello planifica a urbanización da praza José María Hernansáez, unha intervención clave para a transformación dun espazo degradado e sen acondicionar que na actualidade presenta problemas de accesibilidade e mantemento.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, reuniuse onte con representantes da Asociación Veciñal Castrillón-Urbanización Soto e das comunidades de propietarios dos portais da rúa José María Hernansáez e da avenida da Concordia para presentarlles os detalles do proxecto.
“Esta reunión permitiunos compartir a proposta con arredor dunha quincena de representantes veciñais e confirmar que hai un entendemento inicial sobre a importancia de acondicionar o espazo”, destacou Inés Rey.
De acordo co proxecto, a intervención permitirá ordenar os espazos de tránsito e dotala de usos sociais e lúdicos, con especial atención á accesibilidade. Entre as actuacións previstas destacan a eliminación do estacionamento desordenado para a transformación do ámbito nunha praza peonil; a creación de sendas e zonas de estancia con pavimentos permeables e accesibles; e a implantación de novo mobiliario urbano, iluminación e reorganización das zonas verdes, conservando as árbores singulares existentes e incorporando novas especies de baixo mantemento.
Así mesmo, tamén se prevée a actuación nos viarios colindantes, con pasos de peóns elevados e melloras na accesibilidade ás vivendas da contorna, xunto cos renovación do sistema de drenaxe, separando augas pluviais e residuais para evitar encharcamentos. “A posta en valor deste espazo era unha demanda veciñal histórica e, grazas a este proxecto, a praza deixará de ser unha zona degradada para converterse nun punto de encontro e convivencia para todo o barrio” explicou a alcaldesa.
O proxecto tamén ten en conta o acceso de vehículos de emerxencias, garantindo a entrada de bombeiros a plantas altas que actualmente carecen desta posibilidade.
A alcaldesa emplazou aos veciños a retomar as conversas a comezos do próximo mes: “Tal e como acordamos, remitiremos a información do proxecto ás presidencias da comunidade para que poidan exporlla aos veciños e veciñas dos portais nos vindeiros quince días e posteriormente, trasladarnos as suxerencias” sinalou.
O Goberno de Inés Rey continúa así co seu compromiso de revitalizar os barrios e mellorar os espazos públicos da cidade, promovendo un modelo urbano máis accesible, sostible e pensado para as persoas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.