Saturday 22 de March de 2025

O BNG leva a problemática da vivenda en Cabanas ao Parlamento Europeo e ao pleno municipal


Ana Miranda denuncia en Bruxelas o impacto das vivendas turísticas e a especulación no acceso á vivenda en Cabanas

O BNG tamén levará esta cuestión ao pleno extraordinario do vindeiro luns, 24 de novembro

O BNG de Cabanas vén de dar un paso máis na súa loita por garantir o acceso á vivenda no municipio, ao trasladar esta problemática ao Parlamento Europeo da man da eurodeputada Ana Miranda. Durante unha sesión conxunta da Comisión de Política Rexional e da Comisión de Emprego, Miranda denunciou o impacto da proliferación de vivendas turísticas e a especulación inmobiliaria, poñendo como exemplo a situación en Cabanas, onde hai máis vivendas destinadas ao turismo que ao alugueiro residencial.

“En Cabanas só hai 16 vivendas dispoñíbeis para uso residencial, mentres que existen 22 destinadas a uso turístico. Para unha persoa nova que apenas cobra 1.200 euros, resulta imposíbel alugar unha vivenda no concello”, explicou Ana Miranda en Bruxelas, alertando de que esta situación está a expulsar á veciñanza máis nova e dificultando o asentamento de novas familias.

O portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, destacou a importancia de que a problemática da vivenda no concello chegue a instancias europeas: “É unha cuestión que non pode agardar máis. Necesitamos políticas públicas que garantan o acceso á vivenda fronte á especulación e á proliferación descontrolada de vivendas turísticas. O que denunciamos en Bruxelas tamén o esixiremos no pleno municipal extraordinario do próximo luns”. Un pleno que foi solicitado polo BNG o pasado 3 de marzo, e que o alcalde retrasou até o 24 de marzo, estendendo todos os prazos legais “na súa habitual estratexia de antepor os intereses do Partido Popular aos da veciñanza de Cabanas”, apuntan desde a organización frontista.

O BNG esixirá ao goberno municipal que reclame á Xunta a modificación da convocatoria de axudas ao alugueiro para adaptala á realidade do mercado en Cabanas, así como a creación dun suplemento de axuda municipal para a mocidade e familias con dificultades. Tamén demandará a posta en marcha inmediata dos acordos aprobados en xullo de 2024 para regular as Vivendas de Uso Turístico (VUT) e o lanzamento dunha campaña informativa para incentivar a inscrición no Rexistro de Demandantes de Vivenda. “Non podemos permitir que o goberno municipal continúe de brazos cruzados ante un problema tan grave que está a expulsar á mocidade de Cabanas”, concluíu Varela.

Deja un comentario