
A artista e xestora cultural Sergio Marey (Pol, 1997) é a encargada de dirixir e coordinar a exposición Relembrando a Trini, que desde o 28 de marzo permanecerá aberta na biblioteca municipal Santiago Fernández Rey La Torre de Muxía.
A artista multidisciplinar luguesa ten como obxectivo lembrar a figura de Trinidad Falcés, muller trans, nada na Coruña e grande activista polos dereitos do colectivo. “Para min, este proxecto é un xeito de continuar co labor que levo facendo coas miñas últimas creacións. Trini é un proxecto
investigacional, pero tamén de creación. Está a facer mella na miña conciencia. Para min cambiou totalmente a perspectiva de moitas cuestións que xa estaban presentes, como a realidade trans ou o exilio”.
Trinidad Falcés, falecida en 2022 aos 80 anos, foi presa nun campo de concentración pola súa realidade como persoa cuir, e participou na primeira marcha LGTBIQA+ do estado español, que se celebrou en 1977 en Barcelona, cidade na que residiu durante 30 anos. “Veremos un armario que se poderá percorrer todo arredor e que estará cheo de obxectos que pertenceron a Trini e que definen a súa vida: o traxe que puxo nunha homenaxe que se lle fixo, documentos como entrevistas cando era prostituta ou cando foi encarcerada, o documento do seu ingreso en prisión ou a bisutería que lle gustaba vestir. Son obxectos que nos permiten construír a Trini, a súa imaxe e o que ela significou tanto no activismo como na súa vida privada.”
O día da inauguración tamén se presentará o libro sobre a figura de Trinidad Falcés É mellor loitar que morrer de fame, escrito pola propia Sergio Marey, e participará no acto Fito Ferreiro, membro da asociación Palestra e unha das persoas que acompañou a Trini Falcés nos últimos anos.
A mostra poderase visitar ata o 11 de abril.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.