Friday 21 de March de 2025

O Concello pon a exposición pública a modificación da ordenanza do lixo para axustala á normativa estatal


Desde este venres 21, estará habilitado un formulario na páxina web municipal para facilitar a recollida das achegas e opinións da cidadanía, as entidades e as organizacións interesadas neste proceso de actualización da normativa

O Concello da Coruña someterá mañá a exposición pública a modificación da ordenanza do lixo, co obxectivo de axustala á normativa estatal, unha medida fundamental para adecuarse ás directrices medioambientais establecidas pola Unión Europea.

Neste sentido, a cidadanía, as entidades e organizacións interesadas en faceren as súas achegas ou trasladaren as súas opinións ao respecto da futura nova normativa municipal poderán formalizalas ou remitilas a través do formulario web que se habilitará este venres 21 na páxina web do Concello.
Será precisamente este venres cando comezará un prazo de 20 días hábiles —do 21 de marzo ao 21 de abril, ambos incluídos— para recoller as ditas achegas, que se terán en conta de cara á definición do proxecto da ordenanza con vistas á súa aprobación posterior.

Con esta medida, o Concello busca dar continuidade aos procesos de participación cidadá para actualizar a normativa vixenten neste eido, tendo en conta a importancia de avanzar no cumprimento das pautas comunitarias en materia de separación en orixe dos residuos, a súa recollida posterior, os procesos de reciclaxe e tamén no referente á promoción dos hábitos de economía circular a nivel social.

Deja un comentario