
O martes 25 de marzo ás 19:30 horas presentarase no teatro As Torres Canto popular gallego, a obra de Luis María Fernandez Espinosa na edición comentada por Manuel Rico Vera.
Canto popular gallego, de Luis María Fernández Espinosa é unha edición comentada que pretende rescatar a unha figura clave na historiografía dos cancioneiros galegos de tradición oral.
Manuel Rico Verea desempeñou a súa actividade docente en Madrid, no País Vasco e, a partir de 1978, en Galicia, onde se implica directamente no proceso de normalización da lingua galega. Este compromiso coa cultura propia lévao a desenvolver unha actividade de creación, investigación e publicación de obras sobre a lingua e a literatura galegas, así como sobre a música tradicional, atendendo á súa aplicación pedagóxica.
É autor ou coautor de publicacións didácticas pioneiras como Guía didáctica de preescolar Puff (1981), Cantares (1983) ou o nivel 4 de O noso galego, editado por Xerais. En formato libro, de contido musical, publica o Cancioneiro popular das terras do Tamarela, Imos canta-los nadais, Tantarantán, tarantán, tarantiña, Eu non canto por cantar, cancioneiro xeral, Heiche cantar un conto, cancioneiro infantil galego, Cantos de berce e Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar (Xerais, 2018). Así mesmo, é tradutor, coordinador de coleccións literarias e de suplementos culturais.
Formou parte do grupo musical “A Quenlla” e actualmente dirixe un taller experimental de música tradicional que publica varios documentos sonoros, entre os que destacan A pulguiña e o pulgón, Cantares, Arrolín, arrolán, Vente vindo, ven cantando e Cantos de berce tradicionais. Pola súa actividade cultural na radio e na prensa, recibiu o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor labor cultural continuado no ano 1985, o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor programa radiofónico no ano 1987 e o Premio Xunta de Galicia de xornalismo polo mellor programa musical do ano 1989, que se emitiu en Radio Nacional de España en Galicia.
No acto de presentación Manuel Rico estará acompañado pola profesora de lingua e literatura galega galegas, Rosa García Vilariño. O acto finalizará coa actuación das Pandeireteiras Seixebra, do Grupo de baile e gaitas Santaia.
Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.