
Os datos de poboación que se oficializarán a finais deste ano traerán boas novas para Neda. Tras encadear décadas á baixa, o municipio rompe a tendencia. Así, a proposta trasladada polo Instituto Nacional de Estadística constata que a localidade comeza a recuperar poboación. Unha nova esperanzadora que cómpre asentar para volver situar ao municipio por riba dos 5.000 habitantes.
Na misiva recibida durante a xornada de onte, o INE comunica que “unha vez incorporada na base do INE a información contida nos ficheiros mensuais de variacións padroais remitido polos Concello”, a proposta de cifra oficial de poboación a 1 de xaneiro do 2025 é de 4.921 habitantes, fronte aos 4.868 cos que contaba xusto doce meses antes.
Isto supón un saldo positivo de 53 persoas, unha cifra importante para unha vila pequena como Neda. De feito, nos últimos trinta anos só nunha ocasión -no 2021- experimentou crecemento. Con todo, daquela foi substancialmente menor (9 persoas).
Dende o Concello, que desenvolve de forma periódica accións para fomentar o empadroamento e conta con axudas de natalidade, orientadas a fixar poboación, lémbrase que todas as persoas que residen en Neda, de forma permanente ou a maior parte do ano, deben estar inscritas no Padrón Municipal.
Subliñan que o empadroamento é un dereito pero tamén un deber, e engaden que constitúe a porta de acceso a dereitos fundamentais (sistema sanitario, educativo…) e a posibles axudas públicas municipais e que repercute na localidade, a máis poboación empadroada, máis ingresos se reciben doutras administración para a mellora de infraestruturas e servizos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.