Sunday 23 de March de 2025

O Concello da Coruña apagará os seus principais monumentos en apoio á loita contra o cambio climático


A Torre de Hércules, o Obelisco Millenium, a fonte de Catro Camiños e a muralla do Abente e Lago quedarán ás escuras o sábado 22 de marzo entre as 20:30 e as 21:30, durante “A Hora do Planeta”.

A partir das 18:30, colocaranse mil velas na chaira da Torre de Hércules para formar o símbolo desta celebración impulsada por WWF.

O Concello da Coruña reafirma o seu compromiso coa loita contra o cambio climático e a sustentabilidade enerxética sumándose, un ano máis, á iniciativa mundial “A Hora do Planeta”, promovida polo Foro Mundial da Natureza (WWF).

O vindeiro sábado 22 de marzo, entre as 20:30 e as 21:30, algúns dos monumentos máis emblemáticos da cidade apagarán as súas luces como xesto simbólico de concienciación cidadá sobre a importancia de reducir a pegada ecolóxica e protexer o medio ambiente. Entre os espazos incluídos están a Torre de Hércules, o Obelisco Millenium, a fonte de Catro Camiños e a muralla do Hospital Abente e Lago.
Ademais, o Concello organizará unha acción especial na Torre de Hércules, onde se colocarán mil velas formando o símbolo da iniciativa a partir das 18:30 horas, como parte das actividades de sensibilización sobre a crise climática.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, fixo un chamamento á participación cidadá nesta acción global: “Animamos a todas as persoas e entidades a unirse a este evento ben apagando as luces dos seus domicilios e establecementos, ben participando na actividade na Torre de Hércules. Pequenos xestos como este axudan a concienciar sobre a importancia de coidar o noso planeta”.
Dende a súa primeira edición en 2007, “A Hora do Planeta” conseguiu implicar a millóns de persoas en todo o mundo e sumar ao apagado simbólico algúns dos monumentos máis emblemáticos do planeta. O ano pasado adheríronse á iniciativa máis de 200 países.

Con esta acción, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso coa loita contra o cambio climático e coas políticas de sustentabilidade enerxética, reducindo o consumo eléctrico municipal e impulsando medidas para unha cidade máis verde e sostible.

Deja un comentario