Sunday 23 de March de 2025

Aberto o prazo de inscrición para a carreira popular de Matogrande – Xuxán do 6 de abril


A proba, que forma parte do circuíto Coruña Corre, transcorrerá polos barrios e o campus universitario de Elviña

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre, tras a celebración o pasado sábado da súa primeira proba, prepárase xa para a carreira de Matogrande – Xuxán. Será a segunda ocasión na que se dispute esta proba conxunta nos barrios, que xurdiu por iniciativa da alcaldesa, Inés Rey. “Desde o Concello buscamos que o maior número de barrios estean representados no circuíto e consideramos que é unha boa maneira de integrar a Xuxán, o de máis recente creación, nas actividades deportivas que promovemos”, apunta Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

A proba celebrarase o vindeiro domingo 6 de abril e o prazo de inscrición está aberto a través da páxina web www.corunacorre.com ata o domingo anterior, día 30 de marzo ás 23.59 horas. O trazado da carreira popular de Matogrande, cun percorrido total de 6.640 metros, terá o seu punto de inicio na rúa Sebastián Martínez Risco, na contorna do colexio Liceo La Paz. Este ano, de novo, a carreira transcorrerá, ademais de polo Campus Universitario de Elviña e o barrio de Matogrande, polo barrio de Xuxán, onde se percorrerán os últimos 2 quilómetros da proba.

Como é habitual, contará cunha proba absoluta e percorridos adaptados para categorías inferiores sub 18 e sub 16, sub 14, sub 12 e sub 10; e sub 8 ou peques. Á conclusión destas, levarase a cabo a entrega de medallas no palco habilitado nas instalacións do Liceo La Paz. A primeira proba terá lugar ás 10.00 horas, con entrega de premios ás 11.00 horas. A partir das 11.15 horas realizaranse o resto de probas con entrega de premios arredor das 13.00 horas.

Onde e cando recoller os dorsais
Os dorsais entregaranse nun espazo que se concretará ás persoas participantes a través do seu correo electrónico e na páxina web de Coruña Corre o sábado 5 de abril de 11.00 a 20.30 horas e o mesmo día da carreira (domingo 6 de abril), desde as 09.00 horas ata unha hora antes da saída de cada unha das probas.
O acceso ao colexio Liceo La Paz, para a recollida dos dorsais, habilitarase na rúa Sebastián Martínez Risco. As persoas inscritas no circuíto Coruña Corre que xa teñan o seu dorsal e camiseta non precisarán volver retirar un novo.
Datas do circuíto Coruña Corre 2025
● XIII Carreira Popular Torre de Hércules: 15 de marzo
● IX Carreira Popular Matogrande-Xuxán: 6 de abril
● XVI Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma: 11 de maio
● XII Carreira Popular Os Rosales: 1 de xuño
● XII Carreira Popular Volta a Oza: 14 de setembro
● XI Carreira Popular do Ventorrillo: 26 de outubro
● XIII Carreira Popular Novo Mesoiro: 23 de novembro

Deja un comentario