
A xunta de goberno da entidade, presidida pola alcaldesa, Inés Rey, tamén aprobou o orzamento para este ano, que ascende a 10,9 millóns de euros
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a xunta de goberno do Consorcio para a Promoción da Música, celebrada no Palacio Municipal de María Pita, xunta de goberno á que tamén asistiu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro como parte da representación municipal.
Entre os asuntos da orde do día figuraba o nomeamento do novo xerente do Consorcio para a Promoción da Música, logo de que a comisión de selección para escoller o posto propuxese o pasado 14 de marzo ao director e compositor Juan Antonio Cuéllar para o cargo. Dito punto foi aprobado por ampla maioría. “O Consorcio contará cunha figura de máximo nivel e cun grao de experiencia que permitirá seguir apoiando a un símbolo cultural de Galicia como é a Orquestra Sinfónica”, indicou a alcaldesa e presidenta do Consorcio. Os representantes do Goberno municipal, os do BNG e os da Xunta votaron a favor do nomeamento, mentres que os dous edís do PP local non apoiaron a decisión coa súa abstención.
Cuéllar, que foi director executivo da Orquesta Sinfónica Nacional e da Asociación Sinfónica Nacional de Colombia, formouse na Pontificia Universidad Javeriana e na escola de música Jacobs, da Indiana University Bloomington, onde obtivo a súa mestría e doutorado en composición tras gañar unha beca Fulbright.
Ademais, conta tras de si cunha sólida traxectoria profesional. Entre os anos 2002 e 2008 foi decano da Facultad de Artes da Pontificia Universidad Javeriana, onde tamén desempeñou tarefas de mestre no departamento de Música ata o ano 2020. En paralelo, creou con Mark Gillespie, da Orquesta de las Américas, e Fernando Cortés, director executivo da Fundación Bolívar Davivienda, a Orquesta Filarmónica Juvenil de Colombia.
Por outra banda, na xunta de goberno tamén foi aprobado o orzamento de 2025 do Consorcio para a Promoción da Música, que será dun total de 10,9 millóns de euros. Inés Rey destacou que “desde o Concello se está a facer un importante esforzo económico para apoiar á entidade, pasando de 3,55 a 4,6 millóns de achega municipal”. A rexedora tamén quixo destacar a boa sintonía existente coa Xunta de Galicia, que tamén está representada nesta xunta de goberno, á hora de impulsar as diferentes actividades que promove este Consorcio para a Promoción da Música. Os orzamentos saíron adiante co voto favorable tantos dos representantes do Goberno municipal como e da Xunta de Galicia, o PP local pola súa banda votou en contra, absténdose o BNG.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.