
As obras, con cargo ao Fondo de Cooperación Local, permitirán un aforro enerxético de máis do 65%
O alcalde de Frades, Roberto Rey, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá os campos municipais de fútbol de Ponte Carreira e Abellá para comprobar o resultado das obras de renovación do alumeado deportivo de ambas as dúas instalacións deportivas. Unha actuación nas que o Concello de Frades investiu preto de 60.000 euros, con cargo ao Fondo de Cooperación Local.
Acompañados polos concelleiros de Deportes, Juan Carlos Portos, e Ensino, Manuel Ferreiro, alcalde e delegada visitaron ambas actuacións, que permiten un aforro anual do 65,81% sobre o consumo actual, un 3% máis do inicialmente previsto. Isto suporá un aforro enerxético de 16.211,52 kWh e unha redución de 4,12 toneladas de emisións de CO2 anuais.
Isto é así porque as anteriores luminarias era moi antigas e contaban cunhas pantallas difusoras en mal estado, o que reduce moito a eficacia luminosa. Ademais contaban con lámpadas de haloxenuros metálicos con balastro eletromanético, que foron substituídas por proxectores LED que permiten un gasto menor de enerxía e unha maior eficiencia, mantendo os niveis lumínicos óptimos para o uso das instalacións.
Actuacións realizadas
Belén do Campo destaca que as novas instalacións “melloran as condicións luminosas dos equipamentos, permitira aplicar distintos alumeados segundo o uso (adestramento ou competición) e reducirá o consumo de enerxía eléctrica nos dous campos unha media de preto do 66%”.
No caso do campo de fútbol de Ponte Carreira, duplicouse o número de torres de alumeado cun total de 20 proxectores (5 por torre) cunhas características especialmente deseñadas para o alumeado de espazos deportivos, de forma que permiten acadar un alumeado clase III de acordo coa normativa europea. Así, mantendo as mesmas 468 horas de luz do ano pasado, o consumo reducirase dos 3.669,12 kWh a 2.808 kWh, cun aforro do 23,47%.
No campo municipal de Abellá mantivéronse as catro torres actuais, cun proxector máis por torre, reformouse o cadro de mando e instalouse un sistema de regulación dos proxectores, o que permite acadar un alumeado de clase II de acordo coa normativa europea, o que capacita ao estadio a albergar competicións de nivel medio (rexional) e adestramentos de alto nivel. Nesta instalación o aforro enerxético elévase ata o 73,21%, cunha redución de emisións de CO2 de 3,9 toneladas e un aforro de 15.350,3 kWh.
“As actuacións permitiron instalar luminarias de maior eficiencia enerxética e de menor contaminación luminosa, ademais que colocar equipos de acendido electrónicos para regular o tipo de alumeado dos campos”, explica Roberto Rey, destacando que isto suporá tamén unha mellora visual sobre o estado actual xa que “no caso de Ponte Carreira duplicamos o número de torres e no de Abellá contará cun regulador de luz que permitirá ter programas para competicións oficiais, adestramentos, reducido e incluso para utilizar unha das metades do campo”.
Comarca de Santiago
Na comarca de Santiago hai 7 concellos beneficiarios desta orde, o ano pasado, con achegas que suman case 410.000 euros. Así, ademais de en Frades a Xunta colabora tamén, en proxectos similares, en Dodro, Ordes, Boqueixón, Boimorto, Oroso e Padrón.
A representante do Goberno autonómico incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, Belén do Campo sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.
Nova orde 2025
Na visita a delegada informou que xa está aberto o prazo para solicitar estas axudas a través da orde que establece os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional, que conta cunha dotación de 5 millóns de euros. Segundo explicou, a medida vai dirixida aos concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes e ten como obxectivo financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en instalacións municipais, con prioridade para as deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais.
Tamén se valora o tipo de investimento, con maior puntuación para a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou reformas de cubertas a prol da eficiencia enerxética en infraestruturas de uso deportivo. A maiores tense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.
As achegas poden ascender ata os 60.000 euros por concello, sen que a contía poida exceder o custo da actuación, que debe ser dunha única fase e supoñer a posta en servizo inmediata do proxecto. Así, a delegada animou aos concellos a solicitar estas axudas, para o que dispoñen ata o 14 de abril. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.