
Pretende obter unha axuda en forma de crédito a dez anos sen xuros para levar a cabo un proxecto cifrado en 400.000 euros co que se pasarían a led 650 puntos de luz
O Concello de San Sadurniño volverá optar neste 2025 á liña de créditos que convoca o Instituto para Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para que os municipios poidan baixar o seu consumo enerxético mudando a tecnoloxía das redes de iluminación pública. O Goberno local encargou unha memoria valorada que cuantifica en aproximadamente 400.000 euros a substitución por lámpadas LED das antigas luces laranxas que hai repartidas polos eixos principais do territorio. Estímase que o cambio reduciría o consumo nun 73,6% e a factura enerxética anual en preto de 46.000 euros. Ademais, o proxecto inclúe sistemas de telexestión e regulación de fluxo lumínico para optimizar o funcionamento da rede e minimizar o seu impacto ambiental.
A actuación proposta contempla a renovación de 646 puntos de luz que actualmente empregan bombillas de vapor de sodio de alta presión, que serían substituídas por luminarias LED cunha potencia optimizada e unha temperatura de cor de 2200K, o que contribuiría á redución da contaminación lumínica.
Ademais, de acordo co deseño, instalaríanse módulos de regulación para reducir a intensidade lumínica durante as horas de menor actividade. Unha mellora que se reforzaría mediante un sistema de telexestión co que controlar a iluminación de forma remota, adaptándoa ás necesidades reais en cada momento. Esta tecnoloxía posibilitaría o apagado selectivo en zonas con menor tránsito nocturno, optimizando o uso enerxético e reducindo os custos de mantemento a longo prazo.
Outro dos beneficios previstos sería a mellora na seguridade vial e peonil, grazas á implantación de luminarias con maior uniformidade na iluminación das vías. Ademais, a menor temperatura de cor das novas luces LED favorecería o descanso da veciñanza e reduciría o impacto na fauna nocturna.
O orzamento total do proxecto ascende a 400.000 euros, que o Concello agarda poder cofinanciar na súa maioría con axuda do IDAE. Este organismo estatal convoca axudas co formato de crédito a dez anos e sen xuros, co que o consistorio podería “afrontar un investimento certamente elevado, pero moi necesario para poder renovar a nosa rede de iluminación pública”, comenta Secundino García Casal.
“Hai que ter en conta que as os créditos se convocan como unha subvención na que os proxectos son avaliados e puntuados. Se o noso é un dos seleccionados poderemos levalo a cabo de inmediato e despois teremos dez anos para devolver o préstamo sen intereses. Coa estimación do aforro que conseguiríamos, uns 46.000 euros anuais ao prezo actual da luz, poderíamos asumir as cotas do crédito sen ningún problema e aínda así seguir aforrando cartos”, explica o rexedor.
O Concello xa concorrera en 2023 á liña crediticia do IDAE. Daquela presentara unha memoria valorada por importe de 1.8 millóns de euros para renovar toda a rede de iluminación. Porén a solicitude non resultou adxudicataria das axudas e agora, algo máis dun ano despois, o proxecto que se presentará á convocatoria céntrase nos tendidos principais existentes nas sete parrroquias, onde non só se cambiarán farois, senón que tamén se substituirán cableados e cadros, que tamén se unificarán nalgúns puntos.
En Bardaos prevese unificar as redes das Loibas e a Bañoca, que pasará ter 113 puntos de luz. En Ferreira cambiaríase a rede do fondo da parroquia, con 118 puntos. No caso de Igrexafeita o proxecto abranguería todo o percorrido da antiga estrada xeral, ademais dos lugares da Fraguela e a Penalonga (71 farois). En Lamas uniríanse os alumeados de Portolamas, o Freixo e as Ramisqueiras -pasaría contar con 68 puntos- e tamén se interviría sobre a rede de Riboira e todo o Chao de Lamas (107 puntos). En Santa Mariña do Monte os cambios faríanse nos alumeados do Vilar, o Colado e Castrelo (47 farois) e, por último, en Naraío uniríanse os alumeados do Piñeiro e O Freixo, que pasarían ter en conxunto 60 luces públicas, e os do Eirexado e a Ferraría, que sumarían 66.
A execución dos traballos estaría suxeita á concesión da axuda, que iría seguida do correspondente procedemento de contratación pública do proxecto técnico e da obra en si mesma. De levarse a cabo, San Sadurniño disporía dun sistema de iluminación “máis sostible e eficiente” que contribúa “ao aforro enerxético, ao aforro económico e tamén á redución das emisións contaminantes”. “Ademais -engade Secundino García- temos como obxectivo que o noso concello poida contar no futuro con algún espazo certificado como Destino Starlight polas boas condicións para observar o ceo nocturno, e para iso temos que ser moi racionais coa iluminación pública”.
O proxecto viría continuar as actuacións iniciadas hai varios anos polo Concello, que supuxeron o paso a LED dos farois de todo o centro urbano e de parte das estradas principais, como é o da a AC-125 ao seu paso polo Chao, en Naraío, ou o da AC-862 desde Cornide até o Outeiro e en Riboira.
—
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.