Afirma que estes premios son “unha resposta diaria aos que temen que no novo mundo no que habitamos, o periodismo deixe de ter cabida”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabou hoxe, a través da entrega do XXIII Premio Xornalístico Puro Cora, o labor do “bo periodismo”, que contribúe a saber o que somos e a saber de onde vimos. “El Progreso é un compendio de tradición e evolución. Grazas a el, son moitos nesta cidade, nesta provincia e en Galicia enteira, os que saben o que son e saben de onde veñen”, dixo, ao que engadiu que estes premios son “unha resposta diaria aos que temen que no novo mundo no que habitamos, o periodismo deixe de ter cabida”.
No tocante ao premiado, Cristino Álvarez, o titular do Goberno galego afirmou que o que perdeu a crónica parlamentaria, gañouno a gastronómica, e lembrou que Cristino foi, por riba, un periodista “constituínte”.
Sobre este punto, Feijóo concluíu a súa intervención, recordando que os autores da Transición, que Cristino Álvarez narra desde o seu observatorio parlamentario, obraron cunha grandeza que se plasmou en avances que semellaban modestos. “Foron aqueles, pequenos pasos para os políticos de entón, pero grandes pasos nun país que necesitaba recobrar a confianza en si mesmo”, aseverou, logo de precisar que “naquel tempo idearon unha admirable democracia cos medios máis precarios e sen ter outro receitario que a súa paixón pola liberdade”.