Friday 28 de March de 2025

Ángeles Vázquez salienta a importancia de poñer en valor o patrimonio natural co que conta Galicia como as que a Xunta destina ás reservas da biosfera


— A Xunta apoiou o acondicionamento exterior do centro de recepción de visitantes de Mabegondo coa sementeira de céspede, árbores autóctonas ou a colocación de mesas e bancadas, entre outras accións, cun investimento de máis de 30.000 euros

— A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo recibiu entre 2023 e 2024 preto de 400.000 euros de axuda do Goberno galego para distintas actuacións de conservación dos ecosistemas, desenvolvemento sostible e apoio loxístico

— A conselleira salienta outras actuacións no ámbito da reserva como a mellora do observatorio de aves de Crendes ou a sinalización de dúas rutas para poñer en valor o cultivo de lúpulo e as producións agroalimentarias da zona

— O Executivo autonómico destina un orzamento de preto de 5 millóns de euros entre 2023 e 2026 a proxectos realizados, en desenvolvemento ou previstos neste tipo de espazos protexidos recoñecidos a nivel internacional

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a importancia de poñer en valor o rico patrimonio natural co que conta Galicia e o relevante papel que teñen neste eido as axudas concedidas pola Xunta ás entidades xestoras ou adscritas ás reservas da biosfera da comunidade. Fíxoo durante a súa visita ao centro de recepción de visitantes da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, en San Tirso (Mabegondo), que contou co apoio do Executivo galego para acondicionar o seu exterior.
A responsable autonómica explicou que a mellora da contorna deste inmoble contou cun investimento de máis de 30.000 euros que permitiu realizar distintas actuacións como a drenaxe do terreo, o aporte de terra vexetal, a preparación dunha área de tránsito, a sementeira de céspede e árbores autóctonas, a instalación de paneis informativos así como dunha celosía e dunha soleira de formigón ou a colocación de mesas e bancadas co fin de humanizar todo o espazo.
Ángeles Vázquez salientou que este é un pequeno exemplo das accións que se poden realizar no ámbito das reservas da biosfera co apoio da Xunta e lembrou que esta das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo recibiu entre 2023 e 2024 preto de 400.000 euros de axuda para distintas actuacións de conservación dos ecosistemas, desenvolvemento sostible e apoio loxístico no ámbito da reserva.
Entre os múltiples traballos desenvolvidos ao abeiro desta achega estiveron a plantación de frondosas, medidas de control do cangrexo americano e seguimento do seu impacto no encoro Abegondo-Cecebre, a eliminación de especies exóticas invasoras, o estudo da biodiversidade ou a instalación e seguimento de refuxios de fauna útil como hoteis polinizadores así como refuxios de morcegos.
As axudas da Xunta tamén permitiron desenvolver actividades divulgativas de educación ambiental -incluíndo a construción de pozas naturais para a fauna- e, no eido do apoio á sustentabilidade do turismo e mellora do patrimonio cultural, tamén se acondicionou o observatorio de aves de Crendes, no encoro de Abegondo-Cecebre, e se sinalizaron distintas rutas de interese turístico.
A conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, salientou o acondicionamento temático do observatorio de aves de Crendes, realizado por artistas locais de recoñecido prestixio con ilustracións de fauna e flora que axudan ao coñecemento da biodiversidade do territorio. Ao mesmo tempo, incrementa o valor das instalacións ao favorecer un maior uso e afluencia tanto de visitantes como de expertos en ornitoloxía.
Ángeles Vázquez tamén destacou as dúas rutas que foron sinalizadas co apoio do Executivo galego e que pretenden impulsar o turismo. A primeira delas céntrase en poñer en valor o cultivo no lúpulo nesta zona da provincia da Coruña -fomentando o ecoturismo relacionado coa produción da cervexa- e a segunda para a promoción dos produtos agroalimentarios dando a coñecer todo o proceso de transformación, desde a súa produción ata que chega ao consumidor.
Investimentos 2023-2026
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que estes son só algúns exemplos de accións postas en marcha no ámbito das reservas da biosfera de Galicia e que os proxectos realizados, en desenvolvemento ou previstos entre os anos 2023 e 2026 con este fin suman un orzamento de preto de 5 millóns de euros.
Estes investimentos, realizados ben directamente ben mediante axudas ás entidades xestoras ou do ámbito de influenza destes espazos, contribúen a preservar unhas zonas protexidas que en Galicia representan o 35% do territorio. De feito as sete reservas da biosfera galegas suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres repartidas entre 86 concellos, o 16% do territorio que ocupan as 53 reservas deste tipo existentes en España.
Neste sentido, Galicia é a segunda comunidade con máis superficie amparada por esta figura de protección -só superada por Andalucía- e tamén a segunda con maior porcentaxe do seu territorio baixo este recoñecemento internacional, co 35% do total, fronte a preto do 63% ao que chega Canarias.

Deja un comentario