Friday 28 de March de 2025

A Coruña acollerá do 26 ao 29 de marzo a VI Semana do Cinema Galego, coas mellores producións do último ano


Inés Rey: “A Coruña conta cunha materia prima de altísimo nivel para o sector audiovisual”

A Coruña acollerá do 26 ao 29 de marzo a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibirá o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de oito filmes, catro longametraxes de ficción e catro longametraxes documentais, serán proxectados no Teatro Colón. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a presentación da programación, na que tamén participou o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra.

“A Coruña conta, desde hai moitos anos, cunha materia prima e unha canteira de altísimo nivel para o sector audiovisual”, sinalou Rey, citando os grandes centros de estudos audiovisuais da cidade, como a Escola de Imaxe e Son ou a facultade de Comunicación Audiovisual da UDC. A programación estará composta polas películas finalistas aos XXIII Premios Mestre Mateo, que foron seleccionadas polos 500 membros da Academia Galega do Audiovisual como as máis destacadas de entre toda a produción galega do ano anterior. O acceso a todas as proxeccións da mostra será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar a capacidade da sala.

Cada unha das proxeccións estará presentada polo equipo artístico da película cun breve coloquio conducido polo programador e crítico Javier Trigales. Con esta sexta edición a Semana do Cinema Galego consolídase como cita imprescindible para coñecer o mellor do audiovisual galego recente.
A programación botará a andar co documental ‘Salvaxe, salvaxe’, de Emilio Fonseca, que se exhibirá o mércores 26 ás 19.30 horas, tras a inauguración oficial do ciclo. ‘Salvaxe, salvaxe’ rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita deimaxes documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear.
Ese mesmo día tamén se proxectará ‘As Neves’, a obra de Sonia Méndez que conseguiu 13 candidaturas finalistas aos XXIII Premios Mestre Mateo. Un thriller que segue a un grupo de adolescentes nunha vila de montaña onde todos se coñecen.

O xoves ás 19:30 horas será a quenda de ‘Aurora’, un documental dirixido por Area Erina que segue a Aurora e Area, mulleres achegadas de mundos totalmente dispares e con gran diferenza de idade entre elas, que establecen unha forte relación de intimidade, confianza e profundas conversacións ligadas á morte, a familia, a guerra e o papel da muller.

Na segunda sesión do xoves ás 21:30 horas proxectarase ‘Prefiro condenarme’, o documental dirixido por Margarita Ledo que conta a historia de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, que confronta cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”.

O venres 28 de marzo ás 20.00 horas será a vez de ‘+ Cuñados’, a comedia de Luis Avilés protagonizada por Federico Pérez, Xosé A. Touriñán e Miguel de Lira que segue as novas aventuras dos cuñados máis famosos do audiovisual galego, esta vez, no Entroido.

Despois será a proxección ‘Filmei paxaros voando’, un documental de Zeltia Outeiriño que, despois de 20 anos vivindo en Barcelona, volta a Galicia para filmar a memoria do seu admirado tío Antonio, un artesán téxtil galeguista gai que viviu intensamente nos anos 80. Un camiño de volta a casa complexo, pero tamén cheo de amor, coidados e sanación.

A última xornada comezará o sábado coa proxección de Honeymoon ás 20.00 horas. Dirixido por Enrique Otero e protagoniza por Javier Gutiérrez, Nathalie Poza e María Vázquez, é un dos títulos con máis candidaturas finalistas aos Mestre Mateo. A última sesión será o sábado ás 22.00 horas coa proxección do thriller Xustiza Artificial, de Simón Casal. A película relata un escenario no que o goberno anuncia un referendo para aprobar un sistema de IntelixenciaArtificial na Administración de Xustiza que promete automatizar e despolitizar a xustiza substituíndo, na práctica, aos xuíces e xuízas en todos os tribunais do país.
Na súa pasada edición, a Semana do Cinema reuniu a case 300 espectadores por xornada, cifras que demostran que é unha das grandes citas cinematográficas galegas da tempada. Unha oportunidade única para poder gozar colleita audiovisual galega en pantalla grande.

Deja un comentario