
A alcaldesa, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, asinaron hoxe ante notario a creación da sociedade
A alcaldesa, Inés Rey, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad, formalizaron hoxe a constitución da Sociedade Xestora da Cidade das TIC, un organismo público que marcará a folla de ruta para avanzar no plan de impulso do polo tecnolóxico coruñés, situado nas antigas instalacións da Fábrica de Armas, en Pedralonga.
Tras aprobarse definitivamente en novembro a modificación dos estatutos da Sociedade Xestora, esta mañá concretouse o trámite de escritura pública ante notario, paso fundamental para que o proxecto sexa xa unha realidade. En virtude do acordado entre ambas as partes, o Concello ostenta o 51% da sociedade e a UDC o 49% restante.
Esta mañá, a alcaldesa puxo en valor os pasos adiante que se están a dar para “afianzar a Cidade das TIC como o que é: un eixe que lle permitirá á Coruña e, en extensión, a toda Galicia, reforzar a súa posición de referencia a nivel europeo en materia de desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos e de dixitalización”.
Inés Rey, acompañada hoxe polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, destacou tamén a importancia da Cidade das TIC á hora de potenciar o tecido académico e científico da UDC, facilitando a creación de sinerxías e abrindo camiño á colaboración empresarial e inserción laboral, “co impacto positivo que isto terá en termos sociais e económicos para a cidadanía”.
Pola súa banda, o reitor da UDC, Ricardo Cao, subliñou a importancia deste “novo fito para a Cidade das TIC, un proxecto clave no desenvolvemento da dixitalización e de todo o ecosistema TIC para a cidade e para toda Galicia”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.