­
Wednesday 02 de April de 2025

O Aquarium Finisterrae organiza esta fin de semana un taller sobre biodiversidade con animais vivos, dirixido a públicos de todas as idades


Haberá dúas sesións, o sábado 22 e o domingo 23 de marzo, en conmemoración do Día Internacional dos Bosques

O Concello da Coruña, a través da súa rede municipal dos Museos Científicos Coruñeses, organiza esta fin de semana unha actividade no Aquarium Finisterrae para coñecer de preto unha mostra da enorme variedade dos invertebrados máis sorprendentes que poboan os bosques do noso planeta.

As persoas asistentes poderán descubrir en vivo e en directo diferentes aspectos da bioloxía de especies como escorpións, milpés xigante, escaravello goliat, migalas, bolboretas xigantes, insecto folla, insectos pau, cangrexo ermitán dos bosques, cascudas de Madagascar, caracol xigante de terra…

A actividade estará atendida por Miguel Santamaría, biólogo e divulgador científico. Haberá dúas sesións deste taller, o sábado 22 e o domingo 23 de marzo, en horario das 12.00 ás 14.00 horas. A actividade está dirixida a públicos de todas as idades e non fai falta reservar a entrada. As persoas que desexen asistir deberán aboar o prezo da entrada ao Aquarium Finisterrae que lles corresponda.

Ao tratarse dunha actividade con animais vivos o taller achega un compoñente emocional moi importante, xa que lles permite ás persoas asistentes interactuar coa maioría das especies. Presentaranse exemplares vivos das principais clases de artrópodos: insectos, arácnidos, crustáceos e miriápodos. E mostraranse as especies que destacan polo seu tamaño, beleza ou por algunha característica que as fai máis atractivas ou diferentes.